Santiago de Compostela acolle, do 22 de novembro ao 7 de decembro, o festival que achega o presente e futuro da creación circense en Galicia cun amplo programa de espectáculos, obradoiros e conversas a través das que achegarse á escena circense actual.
A compañía Pistacatro presenta a 8ª edición de D10! Encontro para a Formación e Innovación en Circo. Durante máis de dez días, diferentes espazos da capital galega acollen o programa dun foro destinado á mellora e a innovación no sector circense en Galicia.
O Encontro D10! aterra en Santiago de Compostela cun circo conformado por tres pistas diferenciadas: actividades formativas, espectáculos e cafés-coloquios; dende os que se pretende abordar todas as esferas da creación circense. A programación que D10! abre ao público xeral comprende coloquios e mesas redondas ao redor de temas como a igualdade ou a sostibilidade, así como unha ampla axenda de espectáculos.
O 28 de novembro arrinca a programación de espectáculos con ‘NONSENSE. Cabarete de pensamento e circo‘, un híbrido que non é un espectáculo pero tampouco é unha conferencia, e que conta coa participación do filósofo Xavier Bassas, a creadora AveLina Pérez e a monxa budista Tenzing Ngeyung. O resto da programación en escena complétana ‘Runa‘, de Amer Kabbani; ‘Rollercoaster‘, de Wes Peden; ‘NÚS‘ de Cèlia Marcé; ‘Veus que no Veus’, da compañía Pepa Plana e ‘AMBULANTS’, de La Fam Produccións.
Ao longo destas oito edicións, D10! converteuse nuha plataforma clave para o desenvolvemento do circo contemporáneo e o seu recoñecemento como arte por dereito propio dentro e fóra de Galicia. Trátase dun evento dende o que avanzar no coñecemento e a investigación dos novos formatos e linguaxes na escena circense, potenciando o seu crecemento e a creación do país.
A riqueza e a orixinalidade estéticas, o afán de experimentación e de innovación e o compromiso coa sostibilidade, a comunidade e o territorio son algunhas das sinais de identidade do novo circo galego e daquelas persoas que o conforman.
Pistacatro é unha das compañías e produtoras circenses referente do noroeste peninsular. Con case dezaoito anos ás súas costas, traballa para fortalecer un proxecto que se erixe como un auténtico escaparate para as artes circenses. A información completa sobre a axenda desta edición de D10! está dispoñible para a súa consulta a través da web de Pistacatro e nas súas redes sociais.