Dixo Xosé Ramón Pousa que Galicia, de Francisco Fernández del Riego, é un dos mellores exemplos do labor divulgativo do autor e que nel, baixo o pretexto de mostrar o noso país a tres intelectuais bretóns, analiza maxistralmente a nosa realidade paisaxística, antropolóxica, social e cultural. A partir deste libro de viaxes no que Fernández del Riego percorre o noso territorio xorde o espectáculo de monicreques A viaxe feliz de Ramón Sanfiz, no que a compañía Fantoches Baj pretende descubrir a figura homenaxeada nestas Letras Galegas 2023 aos máis cativos da casa e ás súas familias.
Inacio Vilariño é o autor, director e actor desta peza que bebe da narración oral e na que tamén combina monicreques de luva chineses, cartel de cego, obxectos, limberjack, o boneco de percusión da tradición celta, e kamishibai, unha técnica de teatro de papel orixinaria do Xapón. “Eu estaba traballando nun proxecto que tiña como temática a Mariña e tamén creei o ano pasado unha colección de marionetas para o museo de Lalín, un traballo de investigación que me levou aos bonecos de plástico de Flan Chino Mandarín en Muras”, conta Vilariño sobre o nacemento deste novo espectáculo. Con estes elementos, e unido á súa predilección polos contos de Álvaro Cunqueiro, xorde A viaxe feliz de Ramón Sanfiz.
Ramón Sanfiz é o álter ego de Francisco Fernández del Riego, un nome co que o autor fai unha dobre homenaxe. Por un lado, ao seu mestre literario Ramón Otero Pedrayo e, por outro, a súa vila natal, Vilanova de Lourenzá, cuxo lugar fundacional é a aldea de Sanfiz. Da ducia de percorridos que fai este personaxe por Galicia, Inacio Vilariño escolleu aquel que une Lourenzá con Santo Andrés de Teixido. “É un capítulo moi especial porque é unha zona que coñece de preto. Ademais, fixo ese percorrido a Santo Andrés de Teixido cos seus pais”, xustifica o autor esta escolla. No libro viaxan nun “catro latas” e Inacio Vilariño convérteo nun triciclo, un vehículo no que leva todos os recursos necesarios para os distintos contos. Con este elemento, o creador tamén recupera a técnica do kamishibai: “Trátase dunha técnica de narración oral xaponesa á que, a comezos do século XX, lle incorporan o uso de bicicletas para percorrer o país. O propio recurso do triciclo permíteme convertelo nun teatro itinerante de onde saco instrumentos musicais, monicreques e obxectos”, adianta Vilariño sobre a posta de escena. Será con todos estes elementos cos que o protagonista nos relate desde o espazo máxico de Santo Andrés de Teixido os lugares polos que pasou na súa romaxe a través de contos, cancións, lendas e romances dun rico patrimonio cultural.
Esta viaxe de Ramón Sanfiz ofrece algunha que outra invención coa que nos sorprende o autor, como unha cuña publicitaria do Flan Chino Mandarín, ao que acompañaban os simpáticos bonecos de goma feitos en Muras que seguramente lembran os que medraron nos anos 50 e 60. Máis de sete décadas despois poderán descubrilos agora os netos (ou bisnetos xa) daquelas xeracións. “Traballo moito con obxectos sen case intervención, creando un contexto para que se entendan como personaxe. Desta vez traballo con obxectos encontrados como cartas do tarot ou que forman parte do noso patrimonio como as figuras de Santo Andrés de Teixido ou os propios bonecos de Muras”, explica Vilariño sobre o seu particular universo de obxectos.
Fantoches Baj propón descubrir dun xeito divertido a figura de Francisco Fernández del Riego neste ano no que as Letras Galegas renden homenaxe ao escritor lugués. “Quero asociar este día a algo festivo e interesante, non se trata de ofrecer unha información moi profunda do autor, senón de que se asocie a algo positivo”, explica o creador Inacio Vilariño. Sobre a situación do galego entre os máis cativos, mostrase algo pesimista: “Fáltanos moito cariño pola lingua, cambiamos ao castelán á mínima, e sobre todo en momentos tan complexos e necesarios de transmisión aos nosos fillos. As artes escénicas somos unha resistencia, pero non é suficiente”, conclúe.
Dicía del Riego que foi Otero Pedrayo o que lle espertou o afán por coñecer Galicia toda como viaxeiro e como camiñante. Oxalá as artes escénicas sirvan para espertar o desexo de coñecer a nosa cultura e de falar a nosa lingua desde ben pequenos.
Cando e onde ver A viaxe feliz de Ramón Sanfiz?
- Martes 16: Malpica e Padrón
- Mércores 17: Carballo e Pontecesures
- Xoves 18: Valdoviño e As Pontes
- Sábado 20: Cabanas
- Domingo 21: Neda
- Luns 22: Ares
- Mércores 24: Melide