VACAburra leva ‘Familia Nijinska’ ao teatro no Día Internacional da Danza

Outros


O próximo 29 de abril converterá Compostela nun espazo de encontro entre memoria, corpo e pensamento crítico coa chegada de Familia Nijinska, a nova proposta escénica de VACAburra. A peza, definida como unha conferencia bailada e debuxada, propón unha viaxe que cruza investigación histórica e creación contemporánea.

A compañía formada por Gena Baamonde e Andrea Quintana leva ao escenario unha reflexión sobre quen constrúe os relatos da historia da arte e que voces quedan fóra deles, convertendo o teatro nun lugar para a imaxinación e a revisión do pasado.

O espectáculo sitúa no centro a figura de Bronislava Nijinska, coreógrafa, pedagoga e creadora fundamental das vangardas do século XX, cuxa relevancia histórica quedou en moitas ocasións eclipsada pola do seu irmán, o tamén bailarín Vaslav Nijinsky. A partir desta relación familiar, a peza abre un percorrido que conecta biografía, contexto artístico e memoria cultural.

Neste sentido, Familia Nijinska mergúllase no universo dos Ballets Rusos, epicentro das transformacións escénicas de comezos do século XX. A proposta reconstrúe ese momento de efervescencia creativa no que distintas disciplinas dialogaban e expandían os límites da danza, ao tempo que establece pontes con outras xenealoxías e territorios, incluída Galicia.

Máis alá da súa dimensión histórica, a peza incorpora capas de reflexión sobre cuestións contemporáneas como a saúde mental (partindo da figura de Nijinsky e o estigma asociado á súa diagnose) ou a relación co corpo na danza e na vida. Temas como os trastornos da conduta alimentaria, os canóns estéticos ou a presión sobre os corpos escénicos atravesan unha dramaturxia que combina pensamento crítico e acción performativa.

VACAburra constrúe así unha proposta que dialoga coa súa liña de investigación, marcada pola hibridación de linguaxes, o feminismo e o cuestionamento dos relatos hexemónicos. O corpo convértese, unha vez máis, no eixo desde o que activar novas formas de narrar, lembrar e imaxinar.

Con esta función no Teatro Principal, a compañía propón celebrar o Día Internacional da Danza non só como unha efeméride, senón como un acto colectivo de revisión e creación, no que o pasado se reescribe desde o presente e a escena se abre a outras posibilidades de futuro.

Artigos relacionados