Paseando polas rúas de Lugo, o acento de Vadim transpórtanos ao leste de Europa. A cidade das murallas atrapou para sempre a este músico nómade que tocou nas rúas, nos bares e nos teatros máis importantes.
Co seu falar pausado, Vadim evoca a infancia, os tempos máis duros, as viaxes, as novas oportunidades e os amigos que quedaron polo camiño sen que a nostalxia oculte o presente e o futuro. A memoria e os lugares que marcaron o seu percorrido vital están moi presentes na súa música e no sei xeito de ser. Tocar na rúa foi unha escola como músico pero tamén como persoa, un lugar no que aprendeu socioloxía, galego e no que conseguiu a capacidade de adaptar o seu arte a espazos non convencionais e a situacións complexas.
A morriña, para Vadim, non impide mirar cara adiante e gozar coa música, o elemento que o mantén unido ás súas orixes, aínda que se tivera que poñer música ao seu país natal sería unha tonada triste. Porén, a melancolía forma parte da vida da xente e ten “outra textura”, é quizais por onde as súas melodías nos transportan de Galicia ao leste de Europa.