A segunda edición do ano de Táboas en formato impreso volve cargada de entrevistas, reportaxes e novidades sobre as artes escénicas. Este proxecto dá a benvida a novas voces coa fin de ofrecer unha visión ampla da creación escénica galega.
No mundo do teatro, a maxia que se vive no escenario é só unha parte do todo. Cada función é o resultado do traballo colaborativo de moitas persoas. Os actores son os encargados de dar vida aos personaxes e de contar historias que conmoven e entreteñen. Pero detrás deles, un equipo de deseñadores, iluminadores, sonidistas e produtores traballan sen descanso para crear o ambiente que permite que esa historia cobre vida. A revista ten a misión de contar e destacar non só as actuacións no escenario, senón tamén as historias que se agochan detrás das bambolinas.
Precisamente esta é a temática dun dos artigos deste número, que xa se pode mercar na súa versión en papel aquí. A reportaxe, dedicada aos “oficios invisibles” do teatro, pon en valor o traballo de todas esas persoas cuxa labor é esencial para que os espectáculos se fagan realidade. Pero tamén entrevistamos a aqueles que se poñen diante dos focos, como é o caso de Miguel de Lira, protagonista da portada desta edición. O actor comparte as súas reflexións sobre a capacidade do teatro para “diluír fronteiras” e o seu constante xogo entre o escénico e o audiovisual.
Visitamos o Festival de Almada, onde se representou este verán a coprodución galego portuguesa Manuela Rey is in da house. Pero tamén falamos de obras galegas de tódolos estilos, como as pezas coreográficas Ceibe de Fran Sieira ou Dique, a última montaxe de Nova Galega de Danza.
O teatro clásico tamén está presente neste número, no que comentamos a adaptación de Sarabela Teatro da obra Made in Galiza, pero tamén o espectáculo de teatro O auto do Castromil; Hellen Keller, a muller Marabilla de Chévere; ou Go home, espectáculo dirixido por Tito Asorey e protagonizado por David Amor e Josito Porto. Ademais, tamén conversamos con Sergio Zarraeta e con Tamara Canosa, dous profesionais que compartiron a súa forma de ver e entender as artes escénicas.