Xaneiro de teatro en Galicia

Outros

Tras o Nadal, os escenarios volven acender luces cunha oferta ampla que combina creación galega, grandes formatos, espectáculos familiares e propostas en xira por todo o territorio. Un inicio de ano que convida a volver á butaca e a facer do teatro un propósito real.

Arrinca o ano cunha actividade intensa en teatros, auditorios e circuítos de exhibición que reparten propostas por cidades e concellos de todo o país. Teatro, danza contemporánea, circo, humor e espectáculos familiares configuran unha programación que marca o ton da primeira tempada do ano.

En Santiago de Compostela, o Salón Teatro acolle durante todo o mes a adaptación escénica do clásico de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, unha produción dirixida por Cándido Pazó que revisita a historia de Balbino desde unha posta en escena coral e coidada e cunha linguaxe accesible para todos os públicos.

Tamén en Santiago, o Teatro Principal recibe a finais de mes Reconversión, de Ibuprofeno Teatro. Trátase dun espectáculo de gran formato, con oito actores-músicos e charanga en directo, no que Santiago Cortegoso aborda a reconversión industrial da ría de Vigo desde a memoria familiar e política. Teatro en galego, cun forte compoñente social, e que confirma a aposta por obras que dialogan co pasado recente.

Na Coruña, o humor toma protagonismo no Teatro Rosalía de Castro co regreso de Mofa e Befa: Os dous de sempre, inspirado no universo de Castelao. A proposta, dirixida por Quico Cadaval, pon en escena a Pedriño e Rañolas como dúas caras dun mesmo corpo, mesturando tradición, comicidade e reflexión sobre a condición humana.

Vigo suma comedia coa celebración dunha nova edición de Noites de Retranca, un formato xa recoñecible na escena do humor galego contemporáneo, que cumpre dezaseis anos de actividade. A cita terá lugar este 9 de xaneiro no Teatro Afundación, cun espectáculo que combina monólogos e estilos diversos.

En Lugo, o Auditorio Municipal Gustavo Freire propón unha das programacións máis completas do mes, con funcións repartidas ao longo de todo xaneiro. Teatro familiar premiado como Sé tortuga de Xip xap Teatre, propostas para público adulto como Manual de patronaxe de Teatro do Noroeste ou Yo solo quiero irme a Francia de Contraproducións, danza contemporánea e espectáculos recoñecidos a nivel estatal configuran unha axenda que reflicte a diversidade da escena actual.

A este mapa súmase o labor constante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que inicia o ano levando funcións a máis de corenta concellos. Grazas a este circuíto, espectáculos de compañías galegas e estatais chegan a públicos moi diversos, reforzando a idea dun teatro accesible e descentralizado que xa se comezou a vivir o ano pasado.

Xaneiro convértese así nun mes clave para volver ao teatro, descubrir novas propostas e acompañar unha escena viva e plural.

Artigos relacionados