Na primeira semana de xullo, Atlántica presentará máis de 90 funcións desenvolvidas por artistas procedentes do Brasil, Xapón, Italia, Cuba, Salamanca, Zamora e Galicia. Contará con sedes en 25 concellos galegos e cinco portugueses. O festival indaga nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico, difundindo unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O Festival Atlántica presentou o programa completo da súa duodécima edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 7 de xullo en 25 concellos de toda Galicia e 5 sedes en Portugal. O festival contará cunha semana de actividade con máis de 90 funcións gratuítas de 45 propostas diferentes desenvolvidas polos 50 artistas que actúan nas 30 sedes espalladas por Galicia e Portugal. Neste sentido, a directora do festival, Soledad Felloza, salientou “a ledicia e o esforzo que supón a consolidación de Atlántica como un evento transfronteirizo coa programación en cinco aldeas da Serra do Xerés”, que fai deste encontro “un dos poucos eventos das artes escénicas da Península que programa ao longo de sete días a unha beira e outra da raia”.
Como en edicións previas, Atlántica vai chegar ás grandes cidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol, mais tamén a outros concellos como Ribeira, Vilalba, Caldas de Reis, Betanzos, Teo, Pazos de Borbén, Dodro ou Alfoz, entre outros. Unha capilaridade que se espalla polo territorio grazas á complicidade de múltiples axentes institucionais e da sociedade civil e que fai de Atlántica un ente cultural flexible, que se dá adaptado a públicos e espazos diversos. Un exemplo paradigmático deste comportamento é a descentralización do programa en Santiago, sede principal de Atlántica, onde as funcións urbanas conviven coa aposta decidida por barrios, lugares e parroquias do extenso rural do concello.

Escaparate das múltiples oralidades
O Atlántica 2024 non esquece a súa función reivindicadora da narración oral como disciplina artística, ben sexa coa programación de propostas de La Chana Teatro como a montaxe Pisando el llano, espectáculo inaugural, ou a singular Blancanieves, na que todas as personaxes son lámpadas, peza multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil e xuvenil.
Haberá tamén espazo para as estreas Contar para vivilo, de Cándido Pazó, Contos de revolución. Entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco, Contos, cantos e outros tantos, da portuguesa Ana Sofía Paiva e as Lendas suburbanas de Quico Cadaval. E seguirá a aposta polos contos de terras afastadas e bañadas por outros mares, como as historias de fino humor de Yoshi Hioki e tamén pola potencia narrativa da terra e da que é bo exemplo o Premio Nacional Paula Carballeira.
O Festival Atlántica volverá transitar pola senda da narración oral como disciplina híbrida, facendo fincapé na boa maridaxe entre contos e música. Unha mestura que está a dar moi bos resultados entre o público infantil —2004-2024-Grandes éxitos de Caxoto ou Son animal de Paco Nogueira—, pero tamén co público adulto, como demostrará Su Garrido Pombo ao clausurar o festival con Patio de luces.
Tamén poderemos desfrutar cun dos formatos clásicos do Atlántica: os roteiros narrados. Nesta ocasión, transcorrerán polos castros da bisbarrá compostelá —neste caso, en bicicleta—, por Vilar de Donas, Ferrol e Ourense.
Atlántica segue a amosar a súa faceta integradora mantendo o seu compromiso coas persoas con discapacidade auditiva programando funcións con interpretación en lingua de signos, regresará á aula de pediatría do CHUS e, como novidade desta edición, desenvolverá unha experiencia particular ”silandeira” con colectivos con TEA e TDH.
A programación completa pode consultarse na páxina web do Festival Atlántica.