A literatura tamén pode construírse a varias mans, a partir dunha historia que medra coas achegas de diferentes voces. A revista cultural viguesa pon en marcha unha nova edición do seu ‘Relato Compartido’, un proxecto que recupera a dinámica do cadáver exquisito para propoñer un exercicio de escritura colectiva no que cada autor e autora deberá continuar a narración alí onde a deixou a persoa anterior.
A creación colectiva é o punto de partida da segunda edición de ‘Relato Compartido’, unha iniciativa impulsada pola revista cultural A Movida que reúne dez escritores e escritoras galegas arredor dunha mesma historia. Un relato que irá medrando capítulo a capítulo, desde diferentes perspectivas e a través das voces e as achegas de cada participante.
O proxecto retoma unha fórmula que xa puxera en práctica entre 2021 e 2022, con motivo da publicación do seu número 50, daquela cun relato ambientado en Vigo no que participaron autores como Ledicia Costas, Domingo Villar, Pedro Feijoo e Rexina Vega.
Nesta nova entrega, a historia constrúese a partir da dinámica do cadáver exquisito, un xogo de creación colectiva vinculado ao movemento surrealista. A proposta consiste en que cada participante continúe o texto no punto no que o deixou a persoa anterior, de xeito que a narración vaia incorporando novas voces, perspectivas e xiros sen perder o fío común.
A primeira en tomar a palabra foi a escritora viguesa Cynthia Menéndez, encargada de abrir o relato. O seu capítulo sitúa a acción no barrio de Casablanca e adopta a perspectiva dunha voz infantil para contar unha escena cotiá na que a curiosidade e os segredos do mundo adulto se cruzan coa inxenuidade propia da infancia. A aparición dun novo sex shop no barrio pon en marcha unha situación na que se mesturan humor e transgresión, e deixa aberta a historia para que outras nove persoas lle dean continuidade.
A partir de aí, Nerea Pallares, Fabio Rivas, Sara Guerrero, Brais Lamela, Alba Guzmán, Abraham Pérez, Rosalía Fernández, Antía Yáñez e Sica Romero irán incorporando os seus capítulos. Cada quen poderá desenvolver a narración con liberdade, sempre a partir do fragmento recibido e coa tarefa de deixar preparado o seguinte relevo. Hai tamén un percorrido que deberá incorporarse á historia: o relato parte de Casablanca, en Vigo, pero terá que avanzar ata a provincia da Coruña.
O público poderá seguir esa evolución número a número. O capítulo de Cynthia Menéndez xa está dispoñible na edición impresa de outubro de A Movida, que se distribúe de balde en diferentes locais de Vigo, e tamén na versión dixital da revista, na páxina 19. Os seguintes fragmentos chegarán cada mes, coincidindo coa publicación dunha nova revista.
Deste xeito, ‘Relato Compartido’ converte a escritura nun proceso aberto no que ningunha das persoas participantes coñece de antemán o rumbo definitivo da historia. O resultado irá tomando forma coas achegas de todas elas, nunha narración na que cada capítulo dialoga cos anteriores e condiciona os que están por vir.
A iniciativa conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, no marco do programa ‘A cultura é un dereito’, que promove o acceso á cultura como un dereito da cidadanía e como ferramenta de transformación social.


