A forza das mulleres traballadoras

Outros

Nova Galega de Danza estreou en Santiago de Compostela a súa última montaxe, coproducida co Centro Coreográfico Galego, cunha grande expectativa. O espectáculo recupera a historia das 200 mulleres que traballaron na construción do Dique da Campá de Ferrol fai 150 anos.

O verán xa se podía intuír en Compostela e iso axudou a que a multitude que agardaba para ver a estrea de Dique non tivera que buscar refuxio nos bares e cafetarías que rodean o Salón Teatro e nos que nos últimos tempos estudantes e artistas foron sendo desprazados por peregrinos e turistas. As expectativas creadas ao redor deste espectáculo eran moi altas e un sempre vai cun certo medo a chegar demasiado condicionado e non desfrutar do traballo feito pola compañía. Mais non pesou —penso— ese posible condicionamento e ao rematar no primeiro que pensei foi en avisar ás amizades para que non perderan Dique. Agora fágoo en Táboas para que non o perdas tampouco ti.

Dique ten unha posta en escena tan coidada que fai que enganches desde o primeiro momento. Dominado polos tons vermellos, o escenario cheo de pedras de gran tamaño vai sendo ocupado ao pouco polas oito bailarinas que compoñen o elenco do espectáculo. A mestura entre pedras e mulleres flúe durante os case 90 minutos que dura a representación, realzando o esforzo físico que, ao igual que as traballadoras do dique, realizan as bailarinas.

O espectáulo mestura tradición e modernidade nunha aproximación a un feito non moi coñecido polos galegos e galegas. Dique fala de fortaleza, de sororidade, de sindicalismo, de comunidade, do corpo, da inxustiza… en fin, fala de nós como só se pode facer desde as táboas, atacando os nosos sentidos para que reflexionemos e tomemos consciencia da realidade e da sociedade que habitamos.

En ‘Dique’. forza e plasticidade mestúranse ao ritmo da música de Clara Aguilar. Foto: Vanessa Rábade

A proposta de Nova Galega de Danza é a primeira colaboración da compañía con Marta Pazos, cuxo selo é moi recoñecible na dirección artística deste proxecto que conta cun equipo técnico e artístico composto na súa totalidade por mulleres.

Como é habitual na compañía, Dique mestura elementos da danza tradicional galega e da contemporánea. Nesta ocasión, as coreografías veñen da man da mallorquina Belén Martí Lluch, unha das referencias na escena actual. Belén foi unha das fundadoras da compañía Mucha Muchacha, e entre os seus últimos traballos atopamos La Mesías, a mini serie creada polo Javis para Movistar Plus.

A falta de máis datas confirmadas pola compañía, non perdas a oportunidade de ver Dique na MIT de Ribadavia, onde será o espectáculo inaugural o día 19 de xullo.

Artigos relacionados

Premios e públicos, en universos paralelos

Os datos do Observatorio da Cultura Galega sitúan o teatro galego nun lugar preocupante, ocupando as últimas posicións en canto a relevancia por debaixo de música, literatura, audiovisual e mesmo institucións culturais.