Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Marta Pazos, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas son algúns dos nomes propios dunha MIT que busca ser máis plural, máis inclusiva e máis festiva ca nunca.
Entre a súa programación atopamos grandes nomes do clown coma o arxentino Gabriel Chamé ou a inglesa Peta Lily, o teatro popular e contemporáneo con estreas en Galicia de actores como Alberto Velasco ou Los Galindos, así como a estrea do espectáculo do CDG ‘Nada se sabe’. A súa ampla programación complétase con documentais, coloquios, cursos e presentacións.
A MIT aposta pola idea de espello para revisar, fortalecer e seguir innovando. Novos nomes da escena internacional que nunca estiveron en Galicia, estreas e reafirmado apoio a aquelas voces que emerxeron do noso panorama escénico da man do festival tamén co recoñecemento do público da MIT, como pode ser a dobremente premiada (en 2017 e 2020) Nova Galega de Danza. Despois do seu 20 aniversario, a nova andaina da compañía será a encargada de abrir no Castelo a 40 edición co espectáculo DIQUE, dirixido por Marta Pazos e coa coreografía da mallorquina Belén Martí Lluch, xunto cun equipo integramente de mulleres. DIQUE é un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal da compañía e brazos extendidos na linguaxe universal de fusión entre o baile tradicional e a linguaxe contemporánea que dende sempre procura a compañía. É un espectáculo que fala das 200 mulleres que hai 150 anos excavaron o Dique da Campá de Ferrol, un fito na enxeñería española do século XIX. Un espectáculo de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia, en coprodución co CCG.
A danza e a fusión con outras linguaxes artísticas, a creación híbrida, sempre foi un sinal de identidade da MIT, nesta edición tamén grazas á presenza de artistas coma Nuria Sotelo e Clara Ferrao, Alberto Velasco ou a brasileira Alice Ripoll. Vibrante e reivindicativa, a última creación de Alice Ripoll, Zona franca, faise eco das aspiracións da xente moza do Brasil nun momento de transición sociopolítica. Unha peza efervescente que fala das esperanzas dunha xeración esquecida e que anhela reinventarse.
Para unha celebración conxunta dos 40 anos da MIT e do Centro Dramático Nacional, presentarase Nada se sabe, un espectáculo dirixido por Ignacio García, quen foi director do Festival de Almagro, e en coprodución con Culturactiva, colectivo que leva anos creando, producindo e mediando en diversos ámbitos, conflitos e causas de vulnerabilidade ou desigualdade social.
Nunha clara aposta pola dramatuxia actual do resto do Estado, podemos ver tamén títulos de recoñecidos autores e compañías como En mitad de tanto fuego de Alberto Conejero, con dirección de Xavier Albertí e a maxistral interpretación de Rubén de Eguía. Outra compañía referente na dramaturxia actual é El Pont Flotant, que chega por vez primeira á MIT co aclamado espectáculo Eclipse total. Por vez primeira tamén na MIT estará un dos dramaturgos con maior proxección internacional de Chile na actualidade: Guillermo Calderón, quen chega á MIT cunha das súas obras máis exitosas, Villa.
Ademais dos espectáculos do Castelo, a MIT reforza nesta edición os espectáculos de rúa e terá dúas sesións golfas con dúas propostas arredor do karaoke, nun lugar ideal, o Club Artístico. Deadpan Karaoke e a coprodución da MIT coa compañía Manekineko Cancións amarelas, flores tristes, serán as dúas opcións deste ano para alongar o encontro e a noite de verán teatral en Ribadavia. Arredor de ideas como a o amor romántico, a soidade, anhelos e vidas diversas, con accións divertidas e participativas, estes espectáculos coverterán este lugar tan representativo dos encontros festivos e populares, nun espazo aberto a estas novas dramaturxias de contacto máis íntimo co público que nos ofrecen Ibuprofeno Teatro e a nova compañía de Ernesto Is e Nerea Brey.
Na programación desta 40ª MIT hai tamén unha gran aposta polos espectáculos de público familiar, para todas as idades, de calidade e esixente, con distintos formatos, dende os de circo contemporáneo ata as artes de rúa e formas animadas. A organización destaca o fenómeno do espectáculo PAÜRA unha aventura escénica de humor para todos os públicos con música en directo arredor dos medos.
A encargada de clausurar esta 40ª edición será Iribarne, unha coprodución co Centro Dramático Nacional e Butaca Zero. Este espectáculo, un dos grandes éxitos da temporada en Galicia, é unha investigación escénica sobre unha figura absolutamente imprescindible do noso pasado recente, Manuel Fraga.
A MIT conta ademais cunha serie de actividades paralelas que teñen como obxectivo fundamental a divulgación do coñecemento escénico, a cohesión territorial e social e a continuidade de procesos artísticos. Os abonos poden adquirirse ata o 24 de xuño na oficina da MIT e na web de Ataquilla.com, a partir do 25 de xuño, as entradas restantes estarán á venda de xeito individual.
Consulta a programación completa
Día 19
20:00 Inauguración oficial da MIT 2023. Igrexa da Madalena.
21:00 – Ruadavia (Itinerante) – Nauta Teatro e Trópico de Grelos – Treboada
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Dique– Nova Galega de Danza e CCG, co patrocinio da MIT – Galicia.
00:30 – Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 20
12:30 – Igrexa da Madalena. Encontro-coloquio “Mulleres en danza”. Con Alice Ripoll e Belén Martí Lluch.
20:30 – A Franqueirán – Peixe – Hotel Iocandi-La maleta dels espectacles
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Zona Franca – Alice Ripoll & CIA. Suave
1:00 – Club Artístico – Deadpan Karaoke – Ibuprofeno
Día 21
13:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Acto de Entrega do Premio de Honra da Academia Galega de Teatro.
20:30 – Igrexa da Madalena – Programación expandida – Residencias Paraíso: The miracle worker, de Desgarradura
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Paüra – Compañía Lucas Escobedo
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.Museo Sefardí.
Día 22
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 1.
20:30 – Francelos – Glubs – Yllana e Nacho Vilar
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Othelo (termina mal) – Gabriel Chamé-Buendia Theatre
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 23
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 1.
12:30 – Igrexa da Madalena. Inauguración da exposición “A Casa Vella”.
20:00 – Santo André. Museo do Viño – Vestirme de ti – Nuria Sotelo e Clara Ferrao
21:00 – A Veronza – H – Les Corcoles
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Eclipse total – El pont flotant
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 24
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 2.
20:30 – Alameda (Ruadavia) – Mortos de risa – Los Galindos
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Villa – Guillermo Calderón & Festival Santiago a Mil
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 25
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 2.
20:00 – Sampaio – Ciganí– Antón Coucheiro
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – En mitad de tanto fuego – Miramedia e Festival GREC
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 26
12:30 – Igrexa da Madalena. Encontro-coloquio “Teatro público. Inlusión e outros dereitos. 40 anos do CDG”.
21:00 – San Cristovo – Mute – Cia. Orain Bi
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Nada se sabe – CDG e Culturactiva
1:00 – Club Artístico – Cancións amarelas, flores tristes – Manekineko
Día 27
12:30 – Igrexa da Madalena. Presentación de libros e resolución do Premio Abrente 2024.
19:00 – Casa da Cultura. Proxección do documental de Abrente, de Xan Leira.
21:00 – Praza Buxán-Igrexa da Madalena – Mover montañas – Alberto Velasco.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Iribarne – ButacaZero, CDN e MIT