A Mostra de Cangas celebra a súa 41.ª edición máis “cósmica” e inclusiva

MITCFC

A programación terá lugar do 27 de xuño ao 7 de xullo e acollerá sete estreas absolutas, sete estreas en Galicia e catro coproducións.

A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) celebrará a súa 41.ª edición entre o 27 de xuño e 7 de xullo deste 2024 na vila morracense. Cangas acollerá un ano máis unha chea de espectáculos de teatro, danza, obradoiros, encontros e exposicións en lugares como o seu Auditorio Xosé Manuel Pazos Varelas, nas súas rúas, prazas e outros lugares.

A Mostra deste ano presentouse como unha edición “cósmica”, ao fío do cartaz deseñado pola artista Loreto Blanco Salgueiro, e tamén inclusiva. O festival dará comezo cun pregón da actriz galega Patricia Vázquez e incluirá no seu programa sete estreas absolutas, sete estreas en Galicia e catro coproducións.

Un dos eixos deste ano é a inclusión social, xa que se programarán actividades e espectáculos que falen directamente da inclusión e convivencia. Entre eles está Helen Keller, a muller marabilla?, o último espectáculo de Chévere, que xira arredor da vida dunha activista norteamericana xordocega. Aproveitando a obra vaise celebrar a I Xornada de Inclusión e Teatro, cunha charla-obradoiro que impartirá Chévere sobre os retos e ferramentas para facer unha proposta inclusiva.

En canto ás estreas destacan Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Nuria Sotelo e dirixida por Ana Vallés; a terceira entrega da triloxía Rogelio. La fête, en coprodución da Mostra e AsSircópatas, onde o actor Dani Blanco mestura circo, clown, corda frouxa, malabares, música e humor; ou Latexo, unha obra en clave clown coproducida entre a MITCFC e Pistacatro.

As representacións no Auditorio darán comezo cunha das estreas en Galicia: unha adaptación de El Castillo de Lindabridis, de Calderón de la Barca, en coprodución de Nao d’amores e o Teatro Clásico Nacional.

Por outra banda, o festival tamén acollerá a inauguración dunha exposición das primeras videoperformances de María Ruido xunto coa exhibición do seu último filme Las reglas del juego, unha performance-conferencia da artista en conversa coa escritora e activista Brigitte Vasallo.

A programación completa está dispoñible en mostrateatrocangas.gal.

Artigos relacionados