Ao redor de ‘Fariña’: adicións de hoxe aplicadas no teatro

Fariña

O fenómeno Fariña botou luz sobre a historia do narcotráfico en Galicia mais tamén sobre a lacra social que é a drogodependencia. O teatro foi máis que nunca un espazo de diálogo, con mozos e mozas, familiares e persoas expertas en condutas adictivas.

Ao redor de Fariña nace do compromiso coa sociedade e aséntase sobre os cimentos dunha realidade. Unha iniciativa que parte do mesmo contexto sobre o que se asenta Fariña, en calquera dos seus formatos, sexa o libro, a serie, a banda deseñada ou o espectáculo. Trátase dunha pequena aproximación a un pasado á volta da esquina, a un presente inmediato e a un futuro que está a piques de chegar.

Un proxecto que emprega o pulo e o impulso de Fariña, o espectáculo teatral, como recurso; dando pé a unha conversa necesaria e amosando as súas cartas sobre as táboas. Deste xeito, en paralelo á representación, xorde unha nova escena. Unha función enfocada no diálogo, na sensibilización e na prevención.

Así, Ao redor de Fariña, pretende xerar unha conversa sobre condutas adictivas, que permita reforzar o acceso á información sobre elas e actuar dun xeito preventivo. O propósito recae en dotar de coñecemento á xuventude, incidir sobre a súa capacidade autónoma na toma de decisións e desnormalizar certos hábitos perigosos que, en moitas ocasións, non son recoñecidos como tal.

Unha xornada para falar de drogodependencia, baixo o marco que xera este debate, mais que non se limita á problemática derivada do consumo de estupefacientes, senón que tamén identifica outro tipo de rendicións. As adiccións hoxe lévannos a falar de tecnoloxía, de redes sociais, camiños nos que se cruza tamén a ludomanía e as famosas casas de apostas…

Foto: Aigi Boga

Iníciase, así, unha conversa que cómpre ter e faino da man de especialistas, habilitando unhas xornadas lúdico-educativas para as novas xeracións e tamén para as familias. Información para todos e todas, ferramentas para comprender, actuar e decidir con capacidade e potestade.

Neste momento, o pano ábrese para recibir os Doutores en Psicoloxía Antonio Rial, Manuel Isorna e Patricia Salgado. Profesionais que exercen o seu labor divulgativo e educativo na rede universitaria galega e que, comprometidos coa iniciativa, achegan o seu saber ao teatro e á súa audiencia.

No transcorrer destas novas escenas e compoñendo a cara máis lúdica da actividade, aparecen tamén as caras recoñecidas, aquelas que conforman o equipo teatral de Fariña. Un reclamo que atrae á mocidade e, incidindo sobre unha temática de vital importancia, trasládaa a este público máis susceptible de ser intimidado.

A posibilidade que xesta esta iniciativa, dende a comunicación bidireccional até a complicidade, permite armar de coñecemento e información ás novas xeracións; concienciando, dende as idades máis novas, para garantir futuro.

Artigos relacionados