Os que facemos teatro sabemos o que nos provoca este oficio. Se somos intérpretes, sabemos que a sensación de presente absoluto que nos provoca actuar é unha droga poderosísima que nos fai sentir plenamemente felices. Se somos dramaturgos/as, gozamos co feito de que as pantasmas que habitan o noso maxín cobren vida personalizándose no escenario. Se somos directores/as, sentimos un enorme goce en mesturarnos co público nunha función e comprobar como este reacciona ao universo que creamos para eles. Todos os que nos dedicamos a isto sabemos que o teatro é unha fonte inesgotable de felicidade, e coñecemos o seu valor como fornecedor dunha sociedade máis humana, máis consciente de si mesma e menos vulnerable á alienación. Pero ás veces, os que facemos teatro non chegamos a acadar a maneira de transmitir a nosa paixón a unha sociedade que en moitos casos non chega nin sequera a saber se o teatro lles gusta ou non, porque nin sequera o teñen como unha opción de ocio. Son ese “non público” que se non acode ás salas non é porque non lles guste o teatro, senón porque nin sequera tiveron a oportunidade de saber se lle gusta ou non. Ese “non público” que é necesario que teña a oportunidade de achegarse un día ao teatro e gozar da experiencia.
Sabemos que ese público está aí fóra e Touriñán coñece a maneira de achegarse a eles, de facer que saiban que tal día a tal hora, hai un espectáculo ao que poden acudir. Un espectáculo que os convide a apagar a plataforma dixital, a saír da casa, a pagar unha entrada e a sentar nun local xunto a centos de persoas máis para ter unha experiencia conxunta, comunal, veciñal, humana.
Levo máis de vinte anos facendo teatro e creando espectáculos de todo tipo, e agradezo a Ainé a oportunidade que me deron de traballar en espectáculos que congreguen tanta xente, porque penso que isto non só é bo para nós, senón para o teatro en xeral. Porque moita xente que veña ver Somos Criminais ou Fariña, ou tantos outros espectáculos que forman o catálogo desta produtora, volverán apagar a súa plataforma dixital, saír da casa, pagar unha entrada e sentar nun local xunto a centos de persoas para ver outras propostas de todo tipo. Coidemos o noso público para que veña, pero sobre todo, para que queira voltar.