Os 1.998 km de costa de Galicia e os 70.000 espectadores de ‘Fariña’

Fariña, o espectáculo teatral, a finais do 2022 leva xa tres anos a voltas polos escenarios galegos e españois.

Fariña

Ir ver a obra de teatro baseada na investigación de Nacho Carretero para pasear pola nosa historia contemporánea

Día seis de abril do 2022, está nubrado en Galicia cando un primo de Sito Miñanco é detido xunto a outros vinte individuos. Día trece de abril, chove mentres a Policía desarticula o que a prensa deu en chamar o maior punto de venda de cocaína de Lugo. Día quince de abril, sae o sol pero choven billetes de 5.000 e 10.000 pesestas coas caras de Touriñán ou Sergio Zearreta no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.

O narcotráfico en Galicia segue dando moito que contar. Por iso Fariña, o espectáculo teatral, a finais do 2022 leva xa tres anos a voltas polos escenarios galegos e españois, e por iso se segue a sumar xente aos 70.000 espectadores que xa viron a obra. Foi algo que viron vir Touriñán e Nacho Carretero cando iniciaron o proxecto de facer da investigación xornalística do segundo, unha obra de teatro na que actuaría o primeiro. O caso é que en abril o resultado desta idea volveu a Lugo e fun ver de que ía a cousa.

Dez minutos antes de comezar vexo ao director, Tito Asorey, sentado unhas poucas butacas máis á dereita, discretamente. Como tirar tomates xa non está de moda e a obra ten boa crítica, despreocúpome pola saia branca. Porén, si caio no difícil que debe ser formar parte do “fenómeno Fariña” e conseguir sorprender a un público que xa puido ler o libro, ver a serie en Netflix e ata ler e ver en formato cómic. É marabilloso descubrir no transcorrer de dúas horas o poder das historias para se transformar e ofrecer novas lecturas, cando a creatividade e o talento humanos non deixan de atopar novas formas de se expresar.

Foto: Aigi Boga

No labor de adaptación xuntouse o asesoramento de Nacho Carretero coa palabra dramática de José L. Prieto —nome composto, así cunha inicial cuxo punto debe de quedar moi ben na portada do libreto que ergue unha obra para o recordo—. Foron cinco os actores que subiron ás táboas e deron vida a todas esas letras, acompañándoas de música en directo, mais os personaxes que encarnaron son tantos que nin procurei facer a conta. Xosé Antonio Touriñán, Melania Cruz, César Goldi, Sergio Zearreta e Borja Fernández. O elenco desenvólvese nun escenario sinxelo no que a iluminación se converte nunha sexta actriz e a música na séptima. Con esta última mención chega o momento de recomendar Que mal vai ter? de Novedades Carminha, a banda sonora orixinal non podía correr por conta de ninguén que entendese mellor a retranca que se transmite no escenario.

Fariña non despedicia ningún elemento dos que ten ao alcance e consegue convencer ao público para que participe, dándonos o papel de extras ou de coristas cada vez que necesitan botar man de nós. A risa é un elemento central deste espectáculo que tamén é consciente da responsabilidade que ten á hora de transmitir un episodio negro da historia recente de Galicia, así como dar conta da súa continuidade a día de hoxe. A vertente documental, latente sempre, fai que non esquezamos que fóra do auditorio todo o contado tamén pasou. Tamén pasa.

Artigos relacionados