AROUSA – A CORUÑA: Unha viaxe criminal de ida e volta
AROUSA – A CORUÑA: Unha viaxe criminal de ida e volta
O gran fenómeno social das artes escénicas en Galicia arrincou un día de Nadal e rematou nos prolegómenos da enésima decepción de Touriñán e o resto de deportivistas.
O gran fenómeno social das artes escénicas en Galicia arrincou un día de Nadal e rematou nos prolegómenos da enésima decepción de Touriñán e o resto de deportivistas. Somos Criminais compartiu xornais cos datos da pandemia e evitou a súa segunda parte. “Nunca foron boas”, dixeron os protagonistas.
Existen casos contados do lanzamento dun novo produto o día de Nadal. Calquera experto en márketing o desaconsellaría. Familias atendendo aos agasallos dos máis pequenos, a resaca da noite anterior, e os preparativos para a seguinte etapa dese Tourmalet que son os últimos e os primeiros días de cada ano.
O 25 de decembro do 2017 os seguidores dos actores Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán colleron o móbil entre turróns e atoparon novidades. Trinta e cinco segundos e o desexo dun 2018 criminal coas dúas grandes estrelas da comedia en Galicia de dúas xeracións, por primeira vez xuntos. E unha data sobreimpresa no vídeo: o 30 de marzo.
A Illa de Arousa, marzo de 2018
Do acibro á unha recén iniciada primavera na Illa de Arousa. O seu auditorio de 275 butacas -dos poucos ben pensados en Galicia para a poboación que aspira a enchelo- acolle a estrea de Somos Criminais. O mestre de tantos, o gran referente histórico do monólogo cómico, xunto coa gran estrela da televisión e os escenarios deste país na última década. Pero todo o camiño por andar.
Ás tres funcións iniciais na casa de Carlos Blanco seguiu unha xira na que máis de 20.000 persoas participaban dun fenómeno histórico nas artes escénicas galegas. Sobre as táboas, o decorado ideado por Carlos Alonso, feito con somieres, bañeiras e frigoríficos oxidados, un lugar perfectamente pensado para que se impuxera a palabra cando os protagonistas saían xuntos a escena, impecables, co vestuario do xastre Juanjo Rig. O espectáculo máis exitoso da historia do teatro en Galicia xa estaba en marcha.
Seis pases nunha mesma fin de semana na Coruña, catro en Vigo, e as entradas esgotadas en todas as localidades que visitaban. Daquela, Ainé e Condetrespés, as produtoras de Touriñán e Blanco, responsables da produción do espectáculo, non deixaron de lado vilas como Ponteareas, A Rúa, Vimianzo, Melide ou Negreira, entre tantas outras. Tratábase de facer o máis colectivo posible un fenómeno que xiraba ao redor de hora e media de risa, pero tamén da que para moitas e moitos era a súa primeira experiencia nunha platea.
“A xente entra despistada, coma quen vai a un parque de atraccións por primeira vez”, comentaba entón o xefe de sala dun coñecido teatro galego cando recibía a un público pouco habitual dos ciclos e programacións habituais. Somos Criminais xa conseguira por entón levar ao teatro a persoas que xamais visitaran un. Os responsables do éxito non ocultaban o ben que o pasaban sobre os escenarios: “incluso mellor que o público, e ademais despois imos cear e tomar uns viños”, dicía Touriñán nunha entrevista en La Región en outubro de 2018. Era o plan perfecto para quen asistía e para quen o facía posible.
O deseño de luces de Dani Juncal, responsable técnico do proxecto, facían de Somos Criminais algo máis que unha peza teatral: todo un espectáculo, vistoso como poucos outros.
A Coruña, Nadal do 2018
Nunha mañá de xoves Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán recibían no palco real do Teatro Colón da Coruña aos xornalistas para contar que superaban 50.000 as entradas vendidas: un record absoluto na historia do teatro en Galicia, segundo recoñeceu a SGAE logo de revisar os seus rexistros. “É como encher Riazor e Balaídos xuntos”, contaban naquela improvisada rolda de prensa.
Avanzaba unha segunda xira coa que percorrían por segunda vez as grandes cidades do país. Había quen non chegara a tempo para mercar a entrada na primeira, pero tamén quen decidía repetir e levar aos amigos. Touriñán sacaba peito: “Xa pasaron os tempos nos que ao teatro galego o mandaban ao auditorio pequeno dun barrio e ao Colón viñan as compañías de Madrid, agora somos nós os que enchemos, con teatro galego, seis veces nunha fin de semana”.
E é que nese mes de decembro preto de 5.000 persoas completaran cada unha das butacas do teatro coruñés, a praza na que Somos Criminais acadou os mellores números nas súas xiras.
No 2019 viñeron outros proxectos. Javier Veiga convenceu a Blanco e Touriñán para repetir experiencia con outro tipo de espectáculo, o seu texto Unha noite na praia, que durante ese ano conseguiu encher tamén os grandes teatros e auditorios galegos. Os números saían para pensar nunha segunda volta, que tiña previsto tamén na Coruña o seu comezo. Un 14 de marzo de 2020. O día no que se decretaba o estado de alarma.
Cambio de plans. Era momento de pensar novas formas de chegar ao público para un momento do que ninguén coñecía a duración. David Perdomo e Touriñán deran coa clave nos seus directos diarios das once da noite en Instagram, mentres outras tantas iniciativas ocupaban as pantallas coas que se entretían as e os galegos nas longas xornadas de pandemia. Xa polo mes de xuño, dos laboratorios de ideas de Ainé e Condetrespés saía unha oportunidade para facer historia.
A Illa de Arousa, xuño do 2020
De volta na Arousa. Jairo Iglesias lideraba un equipo que completaban, entre outros, a directora de fotografía Lucía C. Pan, o sonidista Santi Jul ou o mesmo Tito Asorey, que tres anos atras fora o encargado de poñer algo de orde no furacán de ideas que supuxera o nacemento do espectáculo. Tratábase, desta volta, de algo máis que gravar unha función de Somos Criminais. O obxectivo era facer unha peza audiovisual atractiva para o público, a cabalo entre o teatral e o cinematográfico.
O sábado 6 de marzo ás dez da noite emitíase por primeira vez unha función de teatro en streaming, con accesos limitados e de pago. 3.000 persoas -ou máis ben dispositivos, porque despois sóubose que espectadores foran máis do dobre- ocuparon os seus confortables sofás para gozar dunha experiencia absolutamente inédita.
Houbo ata post-partido, con Carlos Blanco e Touriñán acompañados polo equipo creativo do espectáculo. Mentres, centos de persoas valoraban a iniciativa nunha enquisa que contestou unha mostra de máis do 60% da audiencia. Desde lonxe, chegaban os primeiros comentarios de galegas e galegos na diáspora agradecidos porque alguén, case sen querer, pensara neles para levarlles humor no seu idioma a tantos centos de quilómetros.
O Consello da Cultura de Galicia chegou a falar, meses despois, da oportunidade que abría a experiencia de Somos Criminais para unha nova forma de explotación na cultura.
A versión cinematográfica do espectáculo visitou ese verán de máscaras diferentes cines ao aire libre, e no seguinte Nadal foi distribuído de balde a todas as residencias de maiores de Galicia grazas á colaboración de Deleite, para que os seus usuarios tiveran ocasión de pechar o ano rindo. Que mellor plan para despedir para sempre aquel 2020.
A Coruña, decembro do 2020
Contra o final do ano, Carlos e Touri volvían á Coruña. Outro experimento, desta volta no auditorio de Palexco: a primeira función presencial logo da etapa máis complexa da pandemia. Ataquilla probaba entón unha nova funcionalidade na súa plataforma tecnolóxica que deixaba butacas baleiras entre aquelas que ocupaban os espectadores. Todo era novo, menos a resposta do público.
Máis de mil persoas encheron ata onde foi posible o recinto en dúas funcións consecutivas que despois definirían os cómicos como as máis raras das súas carreiras.
A Illa de Arousa, novembro do 2021
Case un ano despois, volta á Illa de Arousa. A estrea da terceira parte de Somos Criminais. Que onde quedou a segunda? “É que segundas partes nunca foron boas”, declaraban Blanco e Touriñán nas entrevistas.
A piques de despedir as máscaras e os hidroxeles, a rolda xiraba de novo: Vigo, Ourense, Lugo, Santiago, Vilagarcía, Narón, Ferrol, Pontevedra e A Coruña. O novo texto do espectáculo, tamén de escritura colectiva entre os dous cómicos e José L. Prieto, tamén con Tito Asorey para a súa posta en escena, funcionaba tan ben como o primeiro.
As pantallas LED e unha gran escenografía de diferentes cores multiplicaba o espazo escénico sobre o que o arousán e o cullerdense interpretaban novos sketchs, mesmo coa participación do público. As risas tamén se multiplicaban. E as funcións, que por veces enchían tardes enteiras de teatro en días consecutivos.
En marzo de 2023 comezaba en Vigo a derradeira xira: a segunda de Somos Criminais 3, a cuarta de Somos Criminais contando as dúas versións do espectáculo.
A Coruña, xuño do 2023
O 10 de xuño remataba na Coruña, onde se non. Nun Teatro Colón ateigado, e con Touriñán aclamado polo público cando saía por sorpresa coa camiseta do Deportivo ao ritmo de Stamp on the Ground, o tema dos Italo Brothers que soaba nas grandes noites de Riazor.
Ao día seguinte, a enésima decepción do Dépor. E a enésima conquista de Somos Criminais traducida en números: 138 funcións en 23 localidades galegas diferentes. Máis de 100.000 espectadoras e espectadores. O gran fenómeno social das artes escénicas en Galicia remataba a viaxe.
O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.
As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.
Cookies técnicas
As cookies técnicas son imprescindibles para o funcionamento da web, serven entre outras cousas para saber en que idioma prefires ver a páxina ou se permitiches ou bloqueaches as cookies de terceiros.
If you disable this cookie, we will not be able to save your preferences. This means that every time you visit this website you will need to enable or disable cookies again.
Cookies de análise
Empregamos cookies de terceiros (Google Analytics) para medir e analizar estatisticamente o tráfico da web: as páxinas máis visitadas, a procedencia dos visitantes, etc. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.
Nomes das cookies de Google Analytics: _ga, _ga_<container_id>
Please enable Strictly Necessary Cookies first so that we can save your preferences!
Cookies de publicidade
Empregamos cookies de terceiros (o servizo de newsletter Brevo, antes chamado Sendinblue, e as redes sociais de Meta: Facebook, Instagram e WhatsApp) para mellorar as nosas campañas publicitarias nesas plataformas, analizando o comportamento dos usuarios da web e compartíndoo con elas. Por exemplo, cando un usuario da web merca un produto da tenda online, esa venda pode quedar rexistrada e asociada a ese email tamén en Brevo e/ou Meta. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.