“As compañías que fixemos textos de McDonagh comprobamos que conecta co público galego”

Outros

Cándido Pazó acaba de estrear na Mostra de Cangas a súa última obra Entrega en man: unha comedia denegrida, producida por Contraproducións, coa que volve adaptar un texto do dramaturgo Martin McDonagh.

Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja e Diogo Sales soben ao escenario para representar esta peza sobre o engano dunha parella a un tipo estraño que quere recuperar a man que lle cortaron hai 27 anos. Cándido Pazó consegue, unha vez máis, traer o universo do dramaturgo anglo-irlandés ao contexto galego. Falamos co director teatral sobre as claves da adaptación de Entrega en man.

Acabas de estrear Entrega en man na Mostra de Cangas. Agora que o público xa a viu, como foi a acollida e as túas impresións?

Funcionaron ben os elementos desta comedia negra, aínda que me gustaría que o ritmo do principio fose máis vivo. Pero tamén a estrea foi despois de actos de inauguración da mostra, a obra comezou tarde e penso que iso puido afectar ao arranque. Pero estamos moi satisfeitos porque quedou como queriamos.

Entón, para vindeiras funcións haberá algún cambio?

Non, algúns detalliños. Onte andando polo monte deime conta de que podía engadir algún elemento na trama secundaria. Sería enriquecer pero non habería cambios, só detalles e matices que nacen sós dos actores.

McDonagh é probablemente un dos autores máis representados no teatro galego nos últimos anos. Por que cres que hai tanto gusto polo dramaturgo anglo-irlandés?

É o autor estranxeiro e vivo máis representado, entre os mortos supoño que estará superado por Shakespeare, e creo que é porque ten unha poética, unha forma de tratar personaxes e situacións que xogan cunha ambivalencia de tráxicos e cómicos. É como a imaxe de camiñar por un prado verde onde podes pisar merda ou, ao contrario, estar nunha esterqueira onde nacen flores. E iso é moi galego. Poño de exemplo o tipo que dicía que “lle botaran droga no Colacao”. Ese sería un personaxe de McDonagh. Estou seguro que é un autor que escribe a golpe de xornal e faría que un tipo destes chegara ás súas pezas. Como aquela muller que nun xulgado dicía “me dijo que me iba a dar una patada y me iba a fender la cona”. É moi tráxico, un humor brutal. As compañías que fixemos textos de McDonagh comprobamos que conecta co público galego.

Ti mesmo tes experiencia adaptando o autor en O tolleito de Inishmaan. Hai similitudes entre esa peza e Entrega en man?

Si, hai similitudes na forma de tratar os personaxes. Os ambientes son totalmente distintos, esta é a primeira peza situada nos Estados Unidos e non no rural de Irlanda. Pero as texturas dos personaxes e as situacións, a relación entre o humor e a traxedia, si son similares. Calquera persoa recoñecería que as dúas obras son do mesmo autor. Aínda que en Entrega en man hai algo que nos recorda ao cine de Tarantino.

Evaristo Calvo é un dos protagonistas de Entrega en man | Foto: Diego Seixo

O texto orixinal é de 2010 (A Behanding in Spokane) e, como dicías, ambiéntase nos Estados Unidos, como é a versión galega?

Quixen manter o contexto dos Estados Unidos pero sen subliñalo. A xente pode esquecelo, de feito non se menciona e non se sabe realmente onde están. Pero mantense porque senón non se entenderían algunhas cousas. O espectador ten a referencia pero pode obviala segundo vai avanzando a peza. En canto á tradución, algo que eu coido sempre cando fago unha versión doutra lingua, e sobre todo cando hai humor, é compensar con outros elementos da nosa lingua e contexto. Sempre se di que ao traducir perdes, pois eu trato de empatar e compensar con outros elementos. Así, hai cousas que só están na versión galega e que veñen a re-equilibrar aquelas que se perderon, aínda que o espectador nunca se dará conta.

Humor negro, brutalidade e estilo cinematográfico poden ser os sinais de identidade de McDonagh, como é o proceso de adaptación desta “comedia denegrida”?

Queres que soe vivo e auténtico na túa lingua e que a xente non perciba que é unha tradución. Sabes que o lograches cando unha persoa que ve a peza sen ter moita información diche “que boa esta obra que escribiches”. Dígolle que non fun eu e ela di que ten cousas miñas. Iso quere dicir que lograches traer o texto para ti. No referente ao estilo cinematográfico, eu creo que a estrutura non é de cine, pero si pode ser como toca os temas. Aínda que agora que o penso hai monólogos na obra e un final que se resolvería moi ben nun filme e que en teatro supón certas dificultades. Pode ser que el teña xa moita mentalidade cinematográfica.

Na obra tamén se fala de racismo, como é o tratamento deste tema nunha comedia?

Trata o racismo e nós engadimos a xenofobia pois na nosa obra o actor negro (Ígor Regall) é estranxeiro porque aquí non atopamos. É un brasileiro vivindo en Nigrán pero non sabe falar galego nin castelán. Entón, aproveitamos isto e convertémolo en virtude. El fala coas súas particularidades de estranxeiro e é sinalado como tal, o cal lle engade ese elemento que para nós é moi importante. Si, o racismo é algo que resoa entre nós pero moito máis a xenofobia. Non obstante, hai que dicir que en McDonagh os temas están de fondo, en primeiro plano están as tramas e personaxes. O público percibe eses temas pero non se colocan no primeiro plano da proposta.

Entrega en man na súa estrea na Mostra de Cangas | Foto: Diego Seixo

Algunhas claves que animen ao público a ver Entrega en man?

É unha obra moi divertida desde o punto de vista dun humor duro e brutal. A pesar de todo, non deixa de ser agradable. É unha hora e media que paga a pena e que o espectador dirá “que ben que fun ao teatro!”.

Xa hai xira galega?

Este verán estaremos na Mostra de Cariño pero será a partir de outono cando pechemos máis datas. Tamén estrearemos na primavera a versión en castelán xa que é unha coprodución coa empresa catalá Focus.

Artigos relacionados