Carballo converterase novamente nun dos principais puntos de encontro das artes escénicas en Galicia. Do 23 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro ofrecerá unha programación diversa na que conviven grandes figuras da escena, novas linguaxes, estreas e formatos próximos ao público. Baixo o lema ‘Colapso: Cando todo cae, ven ao teatro‘, propón mirar as incertezas do presente desde o escenario e entender a caída tamén como unha oportunidade para reconstruír.
Hai palabras que describen un momento e outras que serven para abrir preguntas. Colapso é a escollida polo FIOT para a súa 35ª edición, unha palabra que atravesa tanto a identidade do festival como unha programación que mira cara a cuestións como a crise económica e ambiental, os conflitos, a vivenda, a memoria, a identidade ou a fraxilidade das estruturas sociais.
A proposta do festival non entende o colapso unicamente como derrubamento. A dirección do FIOT formula unha lectura na que a caída pode ser tamén movemento, transformación e oportunidade de reinvención. Nese contexto, o teatro aparece como un espazo desde o que observar o presente, cuestionar o establecido e imaxinar outras posibilidades.
A programación desta edición responde a esa idea cunha combinación de creación contemporánea, compañías de referencia, novas voces e diferentes linguaxes escénicas. En total, serán 43 espectáculos procedentes de España e Portugal, con oito estreas absolutas e nove estreas en Galicia, ao longo de cinco semanas de actividade en Carballo.
O Programa de Sala reunirá algunhas das propostas máis destacadas desta edición. O 3 de outubro, Chévere abrirá esta sección con ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), unha peza de teatro documental que parte do emblemático cadro de Castelao para reflexionar sobre a memoria persoal e colectiva, o esquecemento e a identidade.
Despois chegará a Companhia do Chapitô, que regresará ao festival coa súa particular revisión cómica da Odisea, ou Las gratitudes, adaptación dadaptación da novela homónima de Delphine de Vigan que chegará en estrea en Galicia con Gloria Muñoz como protagonista e dirección de Juan Carlos Fisher.

Tamén chegará Libres!!!, de Esther Carrodeguas, un cabaré anarcosicalíptico protagonizado por Alba Flores e dirixido por Andrés Lima. A peza recupera a memoria e a rebeldía das Mulleres Libres da Guerra do 36 para reivindicar a utopía e a capacidade de transformación.
Entre as estreas da edición estará tamén A arte da guerra, de Mofa e Befa, coproducida polo propio FIOT, así como con Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, de María Velasco, Premio Nacional de Literatura Dramática 2024. A peza, que se poderá ver por primeira vez en Galicia, combina autoficción, ciencia ficción, danza, música en directo e creación audiovisual para falar dos afectos, do amor e da necesidade de recuperar as utopías.
Na recta final chegarán Titzina, que iniciará no festival a xira de Disección de la bondad en tres actos, e Rafael Álvarez, El Brujo, que pechará o Programa de Sala coa estrea en Galicia de La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús.
A selección evidencia así unha das características máis recoñecibles do FIOT: poñer en diálogo nomes consolidados coa creación máis recente, combinando diferentes xeracións, procedencias e formas de entender a escena.
O OTNI como espazo para o risco
Se o Programa de Sala concentra parte dos grandes nomes desta edición, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) volve funcionar como un dos espazos reservados ás propostas máis singulares e difíciles de encaixar nunha única etiqueta.
A sección reunirá propostas que se moven entre a autoficción, o teatro documental, o circo, a poesía visual, a performance ou a creación multidisciplinar. Entre elas estará Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera, unha peza sobre a morte e a memoria desde a mirada dunha nena que chega ao OTNI tras pasar polo Certame de Micro-Escenas M2 do FIOT.
Tamén pasará por Carballo Yo nací en un surco de judías, de almealera, Premio Fetén 2026 ao mellor espectáculo, unha proposta de teatro documental construída a partir dunha viaxe de 3.600 quilómetros para achegar as voces de agricultoras e gandeiras e falar do mundo rural, o despoboamento e o futuro da terra.
A memoria galega estará presente tamén en Asoballada por fentos, de Álvaro Corral Cid, un work in progress desenvolvido no marco das Residencias Paraíso que revisita a memoria folclórica e a instrumentalización das tradicións durante o franquismo.
A sección completarase con Cosas pequeñas, da compañía catalá PSiRC, e Doce metros cuadrados de piel, de La Rueda Teatro Social, ambas en estrea en Galicia, antes de pechar con Solo quería bailar, de Olalla Hernández, unha traxicomedia punk dirixida por Alberto Velasco sobre a precariedade, a burocracia e as estruturas de exclusión.
O OTNI reafirma así a súa función dentro do festival: ser un lugar para descubrir novas creadoras e creadores, acompañar procesos de creación e achegar propostas que amplían os límites do feito escénico.

A dimensión do FIOT vai, porén, moito máis alá do escenario do Pazo da Cultura. Unha das súas principais características é precisamente a capacidade de levar as artes escénicas ao encontro directo coa cidadanía, ocupando espazos cotiáns e expandíndose polo territorio.
A Rúa dos Contos volverá converter bares, cafés e outros lugares da cidade en pequenos escenarios para a narración oral, o humor, a improvisación e a retranca. Nesta edición pasarán por ela, entre outros, Carles Sans, fundador de Tricicle, coa súa despedida dos escenarios en ¡Por fin me voy!; Atenea García con As ben dadas; ou Raquel Nogueira e Iván Marcos con A historia vaxenial.
O Teatro de Rúa levará ás prazas e parques de Carballo diferentes propostas de circo contemporáneo, mentres que o FIOT en Ruta ampliará a oferta a outros espazos do municipio con pezas como Vidas enterradas ou Lubbert.
Os públicos máis novos tamén terán o seu espazo a través de FIOTeen e FIOTiño, con propostas que combinan teatro, circo, música e humor.
E, unha vez máis, o Certame de Micro-Escenas M2 ocupará un lugar central na aposta do festival pola creación emerxente. Na súa décima edición reunirá seis creacións de pequeno formato, cinco delas estreas absolutas, en espazos singulares de Carballo. Un formato que permite experimentar con outras formas de relación entre artistas, espazos e espectadores e que se converteu xa nunha das marcas propias do FIOT.
Un festival que tamén crea
A programación do FIOT35 non se limita á exhibición, contará tamén cunha ampla actividade arredor da mediación, a creación e o encontro entre artistas e públicos, con máis dunha vintena de propostas paralelas.
Exposicións, presentacións de libros, gravacións en directo dos podcasts de OndaFIOT, encontros co público, lecturas dramatizadas, os Café con…, coproducións ou residencias artísticas forman parte dun programa que entende o festival como algo máis amplo ca unha sucesión de funcións.
Esta dimensión resulta especialmente significativa nunha cita que leva 35 edicións construíndo tecido arredor das artes escénicas. Desde o seu nacemento en 1992, o FIOT foi incorporando novas linguaxes e formatos ao tempo que mantivo unha vontade clara de achegar o teatro a públicos diversos e de favorecer a creación.
Ao longo das súas 34 edicións anteriores, centos de formacións e artistas presentaron os seus traballos en Carballo. A relación inclúe nomes fundamentais da escena galega, estatal e internacional e sitúa o festival como un dos principais puntos de encontro das artes escénicas en Galicia.
Antonio Porteiro, Xograr de Outono
Esta edición terá ademais un nome propio detrás da escena. O FIOT concederá o Xograr de Outono 2026 a Antonio Porteiro, responsable técnico do festival desde hai 25 anos.
O recoñecemento pon o foco nunha parte fundamental do feito escénico que adoita quedar fóra dos focos: os equipos técnicos que fan posible que unha función aconteza. Son, iluminación, maquinaria, escenografía, montaxe ou produción forman parte desa engrenaxe invisible que permite que o traballo artístico chegue finalmente ao público.
Fundador de Sonpress, Porteiro leva décadas vinculado á produción técnica de espectáculos e eventos culturais e converteuse nunha figura especialmente ligada á historia do FIOT. O festival recoñece así a súa traxectoria e a súa maneira de entender o oficio.
O Xograr de Outono serve, neste caso, para lembrar algo que ás veces esquecemos cando falamos de teatro: unha función nunca é só o que sucede sobre o escenario.

Cinco semanas para cambiar de escenario
Do 23 de setembro ao 31 de outubro, Carballo colapsará da mellor das maneiras posibles. E é que cando as estruturas parecen caer, tamén pode abrirse un espazo para construír outras novas. Quizais aí estea unha das claves desta edición do FIOT. Fronte á idea do colapso como final, o festival propón o teatro como lugar de transformación. Un escenario no que desmontar certezas, mirar o presente desde outras perspectivas e, cando sexa necesario, cambiar de escenario.
Os bonos para a 35ª edición poderán adquirirse desde o 14 de setembro para as persoas abonadas de Telón e Aparte e desde o 18 de setembro para o público xeral. As entradas da Rúa dos Contos estarán dispoñibles desde o día 14. Toda a información sobre a cita e a venda de entradas pode consultarse na web do festival.


