‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro, gaña sete dos nove galardóns aos que aspiraba: mellor espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico e iluminación. A gala, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, foi unha homenaxe ao teatro musical.
Os XXVIII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 19 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro, converteuse na gran triunfadora da noite ao facerse con sete galardóns. O Auto de Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), e Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, fixéronse con dous galardóns.
A noite resultou unha homenaxe ao teatro musical baixo a dirección de Sara Fandiño. O elenco, formado por Mario Lagoas, Alba Tojeiro, Verónica Peiteado, Rocío Salgado, Iván Márquez, Iván L. Estévez e Germán Prenta, converteron o escenario do Rosalía nun barco pirata nun espectáculo moi dinámico e áxil. A propia Fandiño compuxo a música e a letra dos temas orixinais que se escoitaron ao longo da gala e Alexandro González asumiu a dirección musical. José Expósito Ortiz encargouse do espazo escénico, María Vázquez Mosteiro asinou o vestiario, e Dani Pais deseñou a iluminación.
A gala, que foi retransmitida por Youtube a través da canle dos Premios María Casares, contou co discurso de Arantza Villar, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Na súa intervención, Villar realizou un percorrido por diferentes cifras que definen a situación laboral da profesión artística. Neste sentido, tirou man do informe socioeconómico da AISGE para lembrar que o “77% da profesión da interpretación de todo o estado ingresa menos de 12.000 euros anuais polo seu oficio” e que os ingresos dos actores masculinos supera nun “40% o das actrices”, subliñando así a persistencia da brecha de xénero. “Dende aquí, dende os escenarios, podemos pelexar contra a precariedade. Cómpre facelo dende o colectivo”, sinalou a presidenta da AAAG, antes de celebrar que o sector escénico e o audiovisual contan cun “tecido asociativo profesional sólido” e que “non hai máis forza que a unión”.
Consulta todas as premiadas
- Mellor maquillaxe: Baia Fernández por ‘Deadpan Karaoke’, de Ibuprofeno Teatro.
- Mellor vestiario: Carlos Alonso por ‘O Auto do Castromil’, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG.
- Mellor iluminación: Laura Iturralde por ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro.
- Mellor espazo escénico: Dani Trillo por ‘Unha inimiga do pobo’, de Talia Teatro
- Mellor espazo sonoro: Mónica de Nut por ‘Deadpan Karaoke’, de Ibuprofeno Teatro
- Mellor adaptación-traducción: Vanesa Sotelo e Tito Asorey por ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro
- Mellor texto orixinal: Manuel Cortés por ‘Códice K’, de Ainé.
- Mellor actor protagonista: Toni Salgado por ‘Shakespare en Roma’, do CDG.
- Mellor actriz protagonista: Marta Lado por ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro
- Mellor actriz secundaria: María Roja por ‘Entrega en man’, de Contraproducións
- Mellor actor secundario: Toño Casais por ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro
- Mellor dirección: (Ex aequo) Tito Asorey, por ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro, e Quico Cadaval por ‘O auto do Castromil’, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG.
- Mellor dirección de movemento: Gonçalo Guerreiro e María Torres por ‘Un hotel de primeira sobre o río’, do CDG
- Mellor espectáculo: ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro Mellor espectáculo infantil: ‘Crisálida’, de Caramuxo Teatro
- Mellor espectáculo de monicreques: ‘Nanai da China’, de Pérez&Fernández