“Centrámonos en que a gala tivese unha continuidade e que non fose ‘parón, premio, parón’”

A dirección dos XXVIII Premios María Casares correu este ano a cargo de Sara Fandiño (A Coruña, 1989), actriz e responsable da Escola Galega de Teatro Musical. Falamos con ela sobre o seu traballo nunha gala que se orquestrou como unha homenaxe ao teatro musical e os seus diferentes estilos.

AS GALAS DE PREMIOS TEÑEN O ESTIGMA DE SEREN LONGAS E ABURRIDAS. CAL É O MAIOR DESAFÍO DE DIRIXIR UNHA NOITE COMO A DOS MARÍA CASARES?

O maior reto é que non aburra. Ao final a xente quere ver os gañadores e gañadoras, non estar todo o tempo metida na parte teatral do espectáculo, pero nunha gala así ten que haber tamén algo diso. Lograr un equilibrio entre esas dúas partes é o máis complicado e creo que conseguimos que non fose aburrida, así que quedei contenta co resultado. Todo o equipo fixo un traballo boísimo e o que eu tiña en mente estivo enriba do escenario.

HABENDO UNHA PARTE DA GALA QUE NON SE PODE CONTROLAR, CONCRETAMENTE OS DISCURSOS, COMO É O TRABALLO DE DIRECCIÓN?

Realmente sempre tes unha referencia dos anos anteriores e sabes que é complicado que unha persoa faga un discurso de 8 minutos. Tes que equilibrar e pensar nas partes que poden ser máis longas, por exemplo un discurso da directiva ou un manifesto, que máis ou menos xa sabes canto vai durar porque xa o tes. Ou o Premio de Honra, que ten que poder falar todo o que necesite. Esas tres partes máis longas xa as colocas un pouco distanciadas e polo medio hai discursos que sabes que durarán tres ou catro minutos, mesmo algo menos. Despois nós tamén pensamos nun formato de gala que tivese unha trama pechada, que non parase, para logo incluír os premios polo medio. Co concepto de “sketch, premio, sketch” pois igual desconectas un pouco. Centrámonos moito en que o que pasara musicalmente na gala tivese unha continuidade e que non fose “parón, premio, parón”.

DESTA VOLTA O ESPECTÁCULO QUE SE PROPUXO FOI MUSICAL. GUSTOU OU NON GUSTOU?

Tiñamos un pouco esa presión de facer unha gala musical para xente á que se cadra non lle gusta o musical, que podía aturala peor, pero creo que foi unha proposta accesible para todos os gustos. A idea era facer unha homenaxe ao teatro musical con referencias a diferentes obras e estilos.

QUE MOMENTO VIVE ESTE TIPO DE TEATRO EN GALICIA?

En Galicia temos propostas de teatro musical todos os anos, pero o hándicap é que onde funciona ben é nos teatros de tempada. Vémolo no resto do mundo: estás nun sitio tres meses e a xente vai ver a obra. Aquí non temos tanto público e montar un gran musical con moitas implicacións escénicas, por exemplo en canto á tremoia, pois é complicado porque non o podes manter nun teatro. Non vas facer unha reforma para dous días que estás alí actuando. Ao ser sempre un teatro itinerante, a situación complícase. Si podemos facer musicais de pequeno e mediano formato, pero se queres un musical con 10 intérpretes, que eran os que había en escena nos María Casares [sete intérpretes, dous patinadores e un músico], xa se complica moito cos orzamentos que manexamos aquí.

A PESAR DESAS COMPLICACIÓNS, HAI CANTEIRA?

Na Escola Galega de Teatro Musical abrimos no 2018 con oito alumnos e agora temos un volume moi grande de todas as idades, mesmo adultos amantes do musical. Falamos de moitísima xente nova que quere facelo, que lle gusta, que viaxa para velo e que vai a todo canto hai en Galicia. Moitos chegan á escola coa perspectiva de ser profesionais, pero cando teñen xa unha idade marchan a Madrid para cursar estudos superiores e buscar oportunidades. Esa é a pena que dá, que marchen, porque aquí hai espazos para facer teatro musical, pero é máis complicado.

Artigos relacionados