Atopémonos Bailando abre a convocatoria 2026 do seu programa de residencias en danza

Outros

O programa de residencias artísticas abre a súa quinta convocatoria, consolidándose como un espazo de referencia para a investigación e creación en danza contemporánea. A iniciativa, con sede en Lugo, promove o encontro entre artistas, territorio e comunidade.

O programa de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando vén de abrir a convocatoria correspondente á súa edición de 2026. Impulsado por Colectivo Glovo en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Lingua do Concello de Lugo, e co apoio da Agadic, o proxecto continúa a consolidarse como unha das principais plataformas de apoio á creación contemporánea arredor do corpo e o movemento en Galicia.

Nesta nova edición, seleccionaranse un total de 13 proxectos de artistas e compañías con sede en Galicia, no resto do Estado ou en Portugal. As residencias desenvolveranse entre os meses de abril e novembro de 2026, combinando estadías na cidade de Lugo con intercambios en distintos contextos internacionais.

O programa mantén así unha das súas liñas distintivas: a conexión con outras estruturas de creación. Seis das residencias realizaranse en réxime de intercambio con entidades de Portugal, España e Costa Rica, ampliando as posibilidades de circulación e diálogo para os proxectos seleccionados. Entre os destinos atópanse espazos e festivais como a Quinzena de Dança de Almada, o Festival LaboXL de Donostia ou o Taller Nacional de Danza de Costa Rica.

Dirixida a profesionais da danza e das artes do movemento, a convocatoria céntrase en proxectos de investigación e creación (quedando excluídas as residencias de carácter técnico) que propoñan unha exploración do corpo como eixo do traballo artístico. As persoas seleccionadas deberán, ademais, desenvolver unha actividade de mediación co contexto local, favorecendo o diálogo entre os procesos creativos e a comunidade.

As residencias en Lugo terán unha duración de entre cinco e dez días e desenvolveranse en espazos como o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). No caso dos intercambios internacionais, as condicións varían segundo o destino, incluíndo en determinados casos aloxamento, manutención e, no caso de Costa Rica, tamén desprazamentos.

A convocatoria permanecerá aberta ata o 5 de abril de 2026, e a resolución darase a coñecer a partir do 6 de abril a través da páxina web e redes do proxecto. A documentación poderá presentarse en galego, castelán, portugués ou inglés.

Desde a súa posta en marcha, Atopémonos Bailando configurouse como un espazo que vai máis alá da produción, apostando pola investigación, o encontro e a relación co territorio. Un modelo que entende a residencia artística como un proceso aberto, no que creación e contexto dialogan de maneira directa.

Artigos relacionados

‘ÑiquiÑaque’ reivindica o teatro ambulante

Espectáculos Valente recupera o texto de Cándido Pazó nunha proposta de rúa que mestura clown, máscara, acrobacia e retranca para levar as artes escénicas a prazas, torreiros e campos da festa de toda Galicia.