Barafunda Teatro leva ‘Antón, un neno diferente’ a Vigo

Outros

A compañía representará o seu espectáculo de monicreques este sábado 4 de maio no Auditorio Municipal de Teis e doará parte da taquilla á asociación Galiclown.

A compañía Barafunda Teatro en coprodución con Luart Teatro y Títeres levará o seu espectáculo de monicreques Antón, un neno diferente ao Auditorio Municipal de Teis (Vigo) este sábado 4 de maio ás 19 horas e doará parte dos billetes á asociación Galiclown Pallasos de Hospital.

A proposta de Barafunda é un espectáculo multidisciplinar de teatro de actores e monicreques en diversas técnicas como sombras, bunraku ou obxectos e está dirixido a un público familiar e infantil.

A obra busca abordar temas como a migración forzada ou os efectos do acoso a través da figura de Antón, un neno que naceu fisicamente distinto, que sufriu as burlas dos habitantes da súa vila e que foi obrigado a emprender unha viaxe na que coñecerá distintos personaxes da tradición oral galega.

A dirección, o guión e a escenografía van a cargo de Luis Vázquez, que conta cunha ampla traxectoria no teatro de títeres en Venezuela.

Artigos relacionados