Tras converterse nun dos fenómenos infantís da televisión galega, Bibopalula continúa abrindo camiños nas artes escénicas cunha segunda tempada teatral que reforza o vínculo entre o público familiar e o seu imaxinario único.
Hai proxectos que nacen para medrar, e Bibopalula é un deles. Desde a súa estrea, a serie creada por Andrés Mahía e Laura Mahía converteuse nunha referencia para o público infantil, un espazo no que música, humor e descubrimento van da man para achegar a natureza ás crianzas cunha sensibilidade moi propia.
Ese vínculo coa audiencia medrou tanto que, a finais de 2024, a ‘ Banda do Bosque’ decidiu dar un paso pouco habitual: cruzar a pantalla e subir ao escenario. Así naceu Bibopalula · O Espectáculo, unha adaptación teatral que transformou o universo televisivo nunha experiencia inmersiva, reforzando o diálogo entre audiovisual e escena. O público respondeu con entusiasmo (máis de dez mil espectadores na primeira xira), consolidando a proposta como unha nova porta de entrada ao imaxinario da serie.
Este inverno, a viaxe continúa. O espectáculo regresa cunha segunda tempada que afonda nos elementos máis característicos do proxecto: as doce cancións orixinais, os personaxes recoñecibles e un relato que combina aventura, humor e unha mirada curiosa sobre o bosque e a natureza. O texto e dirección de Marta Lado manteñen a esencia da serie ao tempo que amplián o seu universo narrativo desde o propio escenario.
En escena, Lidia Veiga volve dar vida a Ava, guía desta expedición teatral que convida as crianzas a observar, escoitar e descubrir. Acompáñana Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez interpretando a Robin, Carpin, Pegui e Merli nunha nova misión por resolver.
A nova xira arranca este domingo 30 de novembro no Culturgal, en Pontevedra, e continuará o 20 de decembro en Vilagarcía, o 28 de decembro na Coruña e o 2 de xaneiro en Vigo. As entradas para as funcións pódense adquirir a través da súa web, bibopalula.gal. Este, promete ser un percorrido invernal no que Bibopalula reafirma a súa vontade de seguir crecendo, expandindo o seu universo fóra da pantalla e abrindo o teatro a unha xeración que xa medra bailando e cantando coas súas historias.


