Camiñando canda a María Casares

Bastiagueiro no 1937 | Foto: Alberto Marti Villardefrancos

LEVAR BASTIAGUEIRO E MONTROVE A CHARENTE

No departamento francés de Charente continúa erguida a Maison Maria Casarès, arranxada no seu día co diñeiro que gañou a actriz tras vender a súa correspondencia con Albert Camus. As praias de Bastiagueiro e Montrove, escenarios da infancia de María Casares, estaban pechadas en dous frascos desa casa da Nouvelle-Aquitaine.

Co pasamento de María Casares a casa correu a sorte que a súa dona quixo: púxose a disposición da poboación Alloue en agradecemento a Francia. Dende entón é xestionada por unha asociación, o celeiro pasou a ser un escenario con capacidade de 200 espectadores e comezaron a organizarse, primeiro, xuntanzas estivais de actores teatrais e, despois, pasou a ser unha residencia para intérpretes.

INGRESAR NO CONSERVATOIRE NATIONALSUPÉRIEUR D’ART DRAMATIQUE

No parisino distrito 9, o número 2 da Rue du Conservatoire, malia que poida resultar redundante. Ao chegar a Francia coma exiliada, María Casares non falaba francés pero acabaría ingresando no Conservatoire Nacional Supérieur d’Art Dramatique (CNSAD), que forma parte da Universidade de Ciencias e Letras de París e está supervisado polo Ministerio de Cultura francés. Nos anos de mocidade de María Casares e hoxe, tivo e ten o conservatorio unha taxa de aceptación moi baixa.

Non foi ao primeiro nin ao segundo intento que foi admitida a exiliada republicana. “Fala francés como unha vaca española”. Corenta anos despois diríanlle que para traballar en Madrid debía quitar o acento galego.

Foto: ACCR. Maison Maria Casarès
Foto: 75.agendaculturel.fr

NACER NO THÉÂTRE DES MATHURINS

O escenario ao que sube Vitola e do que baixa Maria Casarès é o do parisino teatro Les Mathurins. Foi no mes de novembro de 1942, tal e como conta nas súas memorias, Résidente Privilégiée, baixo a dirección de Marcel Herrand y Jean Marchat.

Botou dous anos na Comédie Française e María Casares marchou. Porque dicía que era demasiado querida.

COÑECER A CAMUS NA CASA DE PICASSO

María Casares e Albert Camus. Sorprenden dous grandes nomes que se xuntan, e resulta aínda máis curioso cando o nome de Pablo Picasso se cruza polo medio.

A actriz e o filósofo existencialista coñécense no estudio que o pintor, que tamén viviu parte da súa infancia na Coruña, tiña no icónico Bateau-Lavoir. Este edificio do distrito de Montmartre de París tornou dende finais do século XIX nun club non oficial de intelectuais e artistas, un espazo propio para a estrañeza e a curiosidade do cruce de persoeiros como Henri Matisse, Jean Cocteau, Gertrude Stein ou Charles Dullin. E este é o momento no que o lector ou lectora se decata da riqueza —cultural pero tamén en xeral— que trae a vida en liberdade e o triste que é que todo tivese que acontecer en París sendo María Casares de aquí.

En fin, o que pasou pasou e a relación entre Casares e Camus é historia e a súa correspondencia, literatura.

Foto: Pablo Picasso fronte a Bateau-Lavoir

María Casares xira por Sudamérica en dúas ocasións, a primeira en francés e a segunda en castelán, coa Yerma de Margarita Xirgú. Até o Teatro Colón de Buenos Aires chegou a obra e alí estaban persoeiros como Laxeiro, Seoane, Blanco Amor, Virxinia Pereiro… Moitos compatriotas de María Casares que sabían tan ben coma ela que o exilio é unha viaxe só de ida. Porque nunca regresou á súa Galicia natal para subirse aos escenarios.

Artigos relacionados