Parafraseando á admirada Olga Novo…
“Querida María, estou aprendendo a ladrar… … Une – saison – en – enfer. Repite comigo. Une – saison – en – enfer.
Aquí estou. Cigarro en man. Café sobre a mesa, tratando de dar forma a todas cantas cousas boas me trouxo penetrar no teu Continente coa maior honestidade que puiden. Como facelo doutra maneira? É posible?
As conversas comezaron co outro lado do océano, con Marianella, tan lonxe pero tan preto, e empezaron a prenderse focos de luz ao longo e ancho do vasto globo terráqueo.
Pronto apareceron, en cada función, en cada mensaxe, en cada nova conversa, en cada ollada, en cada sorriso, en cada bágoa, diversas persoas que posuían unha conexión con ela que nos axudaron a completar, enriquecer e dar significado a moitas interrogantes entorno á súa figura inmensa, figura que merece ser coñecida e reivindicada pola súa importancia no teatro, no cinema, na radio e na vida política. Ben merece, como mínimo, un teatro na súa cidade natal que leve o seu nome.
María foi como un desatoador que me fixo reaprender os conceptos de liberdade, fidelidade (a si mesma) e compromiso (coa profesión e coa vida).
Só podo sentir agradecemento por cada un dos corpos, das mentes, que nos apoiaron neste proxecto dende o comezo. Touri, Saúl Rivas, Álvaro Pérez Becerra, Javi Lopa, Roberto Salgueiro, Laura Canto, María Armesto, María Lopo, Arantxa Estévez, Ana Cermeño, Concello da Coruña, Concello de Rianxo, CDG, Ramiro Rodríguez Bausero, Daniel Galindo, Javier Hernández Simón, Vanesa Sotelo, Davide González, Ernesto Is, Nerea Brey, Nela Fraga, Hugo Álvarez, Camilo Franco, Manuel Xestoso, Ana Gayo, Diego Ameixeiras, Ana González Liste, Roberto Pascual, Afonso Becerra, Dieh QS. Percorrer este Continente da man de Tito, Vadzim, Marianella, Celia, Laura, Coti, Coco, Javi, Iván, Claudia, Lidia… Non se pode soñar con mellores e máis xenerosos brazos para dar a luz esta criatura que agardamos que continúe medrando con toda a paixón e intensidade coas que a Casares viviu e vive.
María vive en min, en nós, nas táboas do teatro, no esforzo, na resistencia, na sede de coñecemento, no inconformismo, na busca constante. Sen dúbida, é un claro referente merecente de ser transmitido e difundido en todos cantos foros sexa posible, fóra e dentro das nosas fronteiras porque, como ela mesma dicía: “Non sei se hai fronteiras, pero dende logo, se as hai, non están onde din os mapas.”
Saúde e teatro, moito teatro.