A palabra dramática de Marianella Morena e o teatro para destilar o mundo

Un espectáculo dura máis do tempo que vai dende o aplauso inicial ata o final, pois as historias que habitan os escenarios teñen máis vida nos libretos. Coñecemos estes espazos teatrais nos que quizais reparamos menos a través da experiencia da dramaturga uruguaia Marianella Morena, finalista dos Premios María Casares 2023.

Formouse e traballou en lugares moi diferentes, dende o seu natal Uruguai ata Alemaña, Estados Unidos ou Finlandia, pero Marianella Morena (Sarandí Grande, 1968) di non crer nas separacións a pesar dos quilómetros e das diferentes tradicións teatrais. “Ás veces cruzas medio mundo e atopas alguén con quen te entendes máis ca coa túa veciña”. E iso foi o que lle pasou á dramaturga cos galegos Tito Asorey e Melania Cruz. Xunto ao director coescribiu Continente María, por cuxo texto orixinal son finalistas nos Premios María Casares 2023. O espectáculo que crearon trata precisamente sobre a vida e o pensamento da gran actriz que dá nome ao maior recoñecemento do teatro galego.

“Ao escribir Continente María, unha das cousas que me interesaban era o vínculo entre as mulleres: entre María Casares, Melania Cruz e eu”, explica Marianella. Afastadas no tempo e incluso no espazo, a forma de se achegaren é mediante o diálogo. Para a autora, esta é unha idea central no seu traballo artístico pero tamén transversal a toda a súa vida, un concepto político e unha convicción persoal.

Melania Cruz e Vadim Yukhnevich en Continente María | Foto: Aigi Boga

Traballar persoeiros que xa viviron ou textos clásicos é mirar o pasado. Se o lugar dende o que se fai é a máxima expresión do presente, é dicir, dende as artes escénicas, córrense riscos. Pódese rematar por xulgar o que foi antes de nós sen ter en conta o seu contexto ou, ao contrario, por mantelo como algo sagrado e intocable por medo a deshonralo. De aquí que a solución e o método de traballo de Marianella sexa dialogar. “É un procedemento horizontal, sen xerarquías nin imposición. Non me interesa o autoritarismo do meu punto de vista ou do que rescatou a Historia con maiúsculas, senón poder falar con xigantes como María Casares estando ao mesmo nivel”.

Non foi ata comezos de marzo que Marianella asistiu por vez primeira á representación do seu texto, cando Continente María visitou Narón no marco do Festival Singular. “Non quería que houbese un disfrace de María Casares, un intento de copia, senón que estivese no corpo de Melania; e iso sucedeu”, eloxiaba a uruguaia á actriz luguesa tras ver o espectáculo, “conseguir rescatar a luz de María Casares e non o seu fósil”.

‘Fuenteovejuna’ e o ‘museísmo teatral’

Marianella vincúlase coa platea presente e describe o teatro coma “corpos vivos que están no escenario que dialogan con outros corpos vivos que están no patio de butacas”. Por iso para traballar nunha nova montaxe do Fuenteovejuna de Lope de Vega quixo manter a idea do texto antes que as palabras escritas hai catro séculos. O resultado recibiu críticas por parte da ultradereita, que a dramaturga aceptou como inevitables porque o sentido orixinal da obra era fundamentalmente político, tal e como ela explica: “Se eu fago un texto agora que politicamente non incomoda, perde o seu obxectivo”.

Pasoulle o mesmo que á adaptación de Lope ao espectáculo Muñecas de piel, coa que Marianella levou aos escenarios un caso real acontecido en Uruguai de explotación sexual de adolescentes. Trátase dun tema violento pero a dramaturga afirma que a primeira que debe violentarse coa súa obra é ela mesma. Aposta por un teatro que lonxe de ser didáctico, sinalando o ben e o mal, deixe que o espectáculo “te violente, te bata, te patee, e todo isto sen que te moveses en ningún momento”.

“A vida con licencias”, así describe Marianella o que é a escena. “Unha persoa que eu rexeitaría porque me parece complicado relacionarme con ela, no escenario é marabilloso ese personaxe porque é contraditorio, complexo, conflitivo, unha síntese do ser humano”.

Fuenteovejuna, historia del maltrato | Foto: Gerardo Sanz
Dramaturxia en feminino

A palabra de Marianella está atenta a todas as pulsións da vida entre as que están, por suposto, as que veñen das desigualdades de xénero. Ao transcorrer a conversa un oito de marzo, faise inevitable a pregunta sobre a súa experiencia como dramaturga, en feminino, e dá unha resposta válida para calquera muller de calquera sector: “Para min a diferenza entre ser muller ou home é como nacer á intemperie ou nacer con casa. Eu nacín sen teito e, dende aí, é a construción permanente do espazo de protección”. 

Asegura non ter experiencias profesionais de violencia explícita, pero si ter aguantado “boludeces”. “Pódenche dicir que es brillante e talentosa pero emocionalmente demasiado complexa, como se os homes non fosen emocionalmente complexos. Unha muller ten que estar demostrando que é perfecta en todo, todo o tempo”. 

Tamén explica que para que o teatro sexa igualitario, ten primeiro que ser libre, sen ningún tipo de censura. “Non se pode espir unha muller sobre un escenario porque é sexualizala; pero sexualizala é poñela con certa roupa diante dun coche”. Asegura que é máis traballo construír relatos fóra de calquera tipo de censura, pero que benvido sexa ese traballo, porque aínda queda moito.

O teatro de Marianella non é a parte do mundo na que desenvolve o seu traballo, senón que o seu traballo consiste en destilar o mundo por enteiro para que colla durante unhas horas no teatro. Aposta polo diálogo como máxima para escribir a complexidade da vida, o cal só lle é posible cunha liberdade sen censura algunha.

Artigos relacionados