Case todo o que conta Paula Carballeira (Fene, 1972) é un conto. Non importa a pregunta porque ela sempre responde coa fascinación de quen sabe do poder da palabra oral e escrita. Esa é a súa ferramenta para axitar memorias individuais e colectivas, unha teima como dramaturga e contacontos. Así o demostra en ‘As alumnas’, un texto coa pedagoga María Barbeito no centro que lle valeu o Premio Nacional de Literatura Dramática no 2023. “A trampa do Premio Nacional é que o ano que vén sae outro”, di entre risos.
Aproveitando as funcións de ‘As alumnas’ que terán lugar no Teatro Principal de Santiago este venres 2 e sábado 3 de febreiro, falamos con Paula Carballeira arredor da creación, os recordos e o valor da imaxinación.
LOGO DESTES MESES, COMO LLE SENTOU O PREMIO NACIONAL Á OBRA?
Para a montaxe escénica foi un impulso, como tamén o foi para o texto publicado. Dentro de Galicia si que o notas moito porque ao final estamos falando de teatro, que é un xénero literario que non se le moito. Para unha obra pouco pretensiosa como ‘As alumnas’ e cunha montaxe pequena pois foi un empuxón para que a xente a vexa.
TES DITO QUE OS LIBROS NON SE PODEN LIMITAR AO PEDAGÓXICO, PERO ESTE É UN TEXTO QUE SE PRESTA MOITO A INCORPORALO NO ENSINO.
Hai moitas profesoras e profesores que poñen a obra nos últimos cursos de secundaria para traballar sobre teatro e contexto histórico, pero ‘As alumnas’ non foi pensada para un público novo. Eu dedícome moito á literatura infantil e xuvenil, pero neste caso é unha peza complicada de ler se non tes un contexto histórico e unha experiencia de lectura. A miña sorpresa é que nos institutos tiven encontros moi interesantes co alumnado, sobre todo grazas ao traballo do profesorado.
O TEXTO ATRAVESA DISTINTOS MOMENTOS DA NOSA HISTORIA RECENTE, MAIS NON PRETENDE FACER RECONSTRUCIÓN HISTÓRICA. VÁLESTE DA REALIDADE PARA FACER FICCIÓN OU É AO REVÉS?
Realmente é unha obra de ficción. É teatro. É xogo. Hai moitas notas informativas para contextualizar, pero tamén podes extrapolar a obra ao que acontece hoxe en día. No esencial estás falando do ensino e do ensino das mulleres. De igualdade e desigualdade. De xustiza e inxustiza. Son cousas que nunca perden actualidade e todos eses datos informativos van no sentido de darlle verosimilitude a dúas personaxes que son de ficción, aínda que se remita a unha real que é María Barbeito. O teatro é ideal para isto: dicir grandes verdades a través do xogo dramático e esvaecer as liñas temporais. Estamos nun pasado que ten moito que ver co presente e se cadra co futuro. E o teatro fai presente todo mentres acontece diante dos ollos dos espectadores e espectadoras.
O teatro é ideal para dicir grandes verdades a través do xogo dramático e esvaecer as liñas temporais.
ÁS VECES PARECE QUE A MEMORIA É UNHA COUSA DE ONTE CANDO REALMENTE É MOI DE HOXE. AS IDEAS DE MARÍA BARBEITO ESTÁN NA ACTUALIDADE.
O tempo ten un transcorrer cronolóxico, pero acaba sendo cíclico. María Barbeito intentou abrir unha fenda na pedagoxía da época promovendo outra maneira de entender o ensino e moitas desas cousas fóronse recuperando porque funcionan. Ten moito que ver cunha pedagoxía que atende o individuo e que non uniformice as necesidades de cada persoa. Tamén ten que ver coa creatividade, coa comprensión e con esas cousas que hoxe en día se poñen en valor porque funcionan e lles dan ferramentas ás persoas para desenvolverse no mundo.
POR QUE É TAN IMPORTANTE A MEMORIA?
É importante lembrar de onde vimos para ter unha maior compresión do que nos acontece. A memoria é a única maneira de seguir vivindo e ser inmortais a través dela, de que as persoas non acaben no seu tempo e que a través das lembranzas sigan estando connosco dalgún xeito. Hai que recordar os cambios que a xente aporta nas nosas vidas e de forma moi importante cando estes son sociais.
EN ‘AS ALUMNAS’ HAI UN MOMENTO EN QUE SE DI QUE MARÍA BARBEITO, DESPOIS DE SER APARTADA DO ENSINO, TRADUCIU LITERATURA FRANCESA PARA QUE NON A CONSUMISE O DESENCANTO. UN CREADOR TRABALLA PARA OS DEMAIS OU PARA SI MESMO?
Non sei en que cantidade, pero traballa para as dúas cousas [ri]. É unánime nas persoas creadoras: non podes facer outra cousa, hai un pulo que che levar a crear aínda que iso vaia ou non á luz. Creo que sempre pensas en que iso saia, salvo que sexa un diario ou cousas máis íntimas. E no teatro por suposto. Outra cousa é que aconteza ou non, pero unha creadora de teatro sempre ten a vista posta na escena aínda que sexa na imaxinada por cada lector ou lectora. Sempre tes un ollo para dentro e outro para fóra.
A ESCRITURA PODE CHEGAR A SER SOLITARIA, MENTRE QUE CO PÚBLICO A COUSA CAMBIA.
No meu caso dedícome case todo o tempo a actividades creativas relacionadas coa xente. E cando non o fago, bótoo moito de menos. Estar en contacto co público é un baremo para saber que interesa e que non interesa, que cousas se entenden ben e que cousas xa non. Como van os ritmos, os tempos ou como cambian as formas de expresión. Cando os rapaces me preguntan en encontros que que prefiro pois o que lles digo é que escribir é unha actividade na que estás ti soa, que está moi ben porque ás veces é preciso estar só, pero que prefiro contar contos porque é algo colectivo. E no teatro traballas cun equipo, que é algo marabilloso porque xentes de distintas disciplinas confluímos nun proxecto común. A min iso paréceme o máis completo que eu coñezo a nivel creativo. A fin é común e o teu ego en que rebaixarse un pouquiño.
Estar en contacto co público é un baremo para saber que interesa e que non interesa, que cousas se entenden ben e que cousas xa non.
POR QUE CONTAR CONTOS? CAL É O VALOR DAS HISTORIAS?
Ás veces non lle prestamos a atención que merece á capacidade de evocar a través da palabra, xa non só escrita, senón a palabra oral. O feito de argallar unha historia que se vai creando diante dos ollos de alguén a través das palabras é algo que, nunha sociedade como a nosa con tantas pantallas que xa nos dan a imaxe e que nos ofrecen unha información seleccionada, permite abrir as miras e que cadaquén poida crear o seu mundo a partir do que ti lle propós. As persoas a través diso abren portiñas. É un efecto en cadea: ti propós algo e iso desemboca en cadaquén en moitísimas outras cousas. O característico da narración oral é que é efémera: ti no momento en que escoitas unha palabra, esa palabra lévache a algo e a capacidade de abstracción é maior que en calquera outro lugar. Nunha obra literaria podes volver sobre o texto, pero na narración oral non. O que funciona é a memoria, o que ti escoitaches e cara onde te leve.