María Lopo: “María Casares fixo vivir Galicia na creación artística francesa”

Como Cincenta, María Casares marcha correndo xunto á súa familia e, á idade de catorce anos, deixa atrás unha cidade de cristal cando chega a outra de luz. Pero nin o exilio nin a historia do século pasado do noso país son contos de fadas. Nada dun matrimonio entre unha nai de clase obreira e un pai de boa familia, avogado que chegaría a presidente do Goberno, a singularidade da figura que chegou a ser María Casares habitou sempre no seu talento sobre as táboas e no seu compromiso republicano e progresista.

Pasou un cento de anos do seu nacemento sen que o seu nome teña na terra que a viu nacer a soa que continúa a ter María Casares en Francia. O noso é un país moi duro coa memoria. Para darlle voz á actriz falamos con María Lopo, Doutora en Literatura Francesa, ensaísta, escritora de teatro e unha das persoas que máis teñen estudado e escrito sobre a actriz dende Galicia.

En que radica a singularidade de María Casares?

Como creadora, pode que na confluencia de varios factores: posuír unha gran sensibilidade para a palabra poética, asumir plenamente o seu corpo de muller, ter a capacidade de adaptación que pode dar o exilio, e vivir de xeito cotiá a interculturalidade.

Como chegou até a figura de María Casares e por que lle continúa a interesar investigar sobre ela?

María Casares sitúase na intersección de catro intereses centrais na miña vida: Galicia, a literatura e a cultura francesas, o feminismo e a memoria histórica. Nunca deixará de interesarme porque nunca deixo de aprender con ela, é un mundo de mundos, unha figura poliédrica que enriquece a todas aquelas persoas que nos interesamos pola súa obra.

María Casares practicou a sororidade, apostou pola liberdade e foi un modelo de superación persoal.

Semella que María Casares naceu e viviu sempre na beira da sociedade, rodeada de situacións e persoas peculiares e polémicas. Era ela consciente das particularidades que a arrodeaban?

María Casares ocupaba ao inicio da súa vida un lugar central nunha sociedade que non puido ser, unha sociedade —di ela— feita para vivir en paz, na cal fora educada no seo dunha familia progresista e nas aulas de avanzada pedagóxica do Instituto–Escuela, inspirado nos principios da Institución Libre de Enseñanza. Na marxe na que a situou o exilio sempre foi consciente disto, e sempre se sentiu orgullosa da cultura republicana da que proviña, que representou con fidelidade e compromiso durante toda a súa vida.

Tamén, no relativo á súa contorna, formaron parte da súa vida mulleres moi independentes e singulares para a época: a súa avoa era cigarreira, amante dun militar e nai solteira; a súa nai, costureira, exiliada e muller de Casares Quiroga; mulleres coas que compartiu exilio coma a mestra republicana Amalia de la Fuente Abad ou a doutora en filosofía de ascendencia xudía Nina Reicyn… Pensa que María Casares se atopaba na vangarda do que hoxe chamamos feminismo? En que medida contribuíu na conquista dos dereitos das mulleres?

Certamente as mulleres que nomeas contribuíron de xeito decisivo á súa propia vivencia dunha condición feminina aberta e plural, e non dunha maneira teórica, senón na vida real, no día a día; por poñer un exemplo, María Casares e a súa nai Gloria Pérez, refuxiadas en Francia, participaron nas redes de entre-axuda de mulleres durante a Ocupación alemá e tentaron, sen éxito, salvar á súa amiga Nina Reicyn da deportación a Auschwitz, acolléndoa valentemente na súa casa. María Casares coñeceu e practicou a sororidade, apostou pola liberdade na súa vida privada e profesional, e foi un modelo de superación persoal. Por estas e tantas outras razóns é unha muller na vangarda, que integrou de xeito natural os principios feministas. Coñecer e recoñecer a súa figura asenta e amplía, por suposto, a historia das mulleres e das liberdades no século XX.

Como foi a infancia de María Casares na Coruña? Pensa que ela querería marchar da súa terra natal de non ter que se exiliar?

Segundo ela mesma afirma nas súas memorias, Residente privilexiada, viviu unha infancia feliz e plena, aberta á natureza e ao exercicio físico en liberdade, posto que para que a nena medrase sa e forte, a familia pasaba os veráns en Montrove, onde a praia de Bastiagueiro foi un dos paraísos da súa infancia.


O outro foi, sen dúbida, a biblioteca familiar da rúa Panaderas, onde o seu pai a iniciou na recitación dos seus poetas preferidos, como Manuel Curros Enríquez, e na práctica de experimentos científicos. Non sei cal sería a súa relación con Galicia sen o exilio, mais si sabemos cal foi a consecuencia del, pois María Casares declarou en repetidas ocasións que a súa infancia galega representou un tempo de plenitude que conservou nela como un paraíso íntimo e verdadeiro, fonte de enerxía creativa e de estabilidade vital.

O primeiro que se asocia a maría casares é o teatro, porén tamén traballou no cine. Que visión tiña ela destes ámbitos nos que desenvolveu a súa carreira?

María Casares dicía que ela era unha actriz de teatro que facía cine. No teatro sentíase parte activa dun proceso creador; de feito, prefería de lonxe a investigación dos ensaios á representación xa fixada, momento no que a obra deixaba de interesarlle.

A complexidade da industria cinematográfica impedía a María Casares o control do tempo e a construción das personaxes; sentíase obxectualizada, pasiva, excluída dunha creatividade que semellaba pertencer só ao realizador do filme. Malia todo, participou en rodaxes míticas do cinema europeo, como o Orfeo de Jean Cocteau, no que interpreta a personaxe da Princesa, encarnación da morte, sen dúbida a súa imaxe icónica na gran pantalla.

A súa infancia galega representou un tempo de plenitude que conservou nela como un paraíso íntimo e verdadeiro, fonte de enerxía e de estabilidade vital.

Como era a relación entre Camus e Casares e que importancia tiña o teatro na complicidade que compartían?

O teatro foi o que uniu as vidas de María Casares e do escritor Albert Camus, posto que se coñeceron e iniciaron a súa relación amorosa en 1944, durante os ensaios de O malentendido, obra de Camus protagonizada pola actriz. A súa é unha relación vital moi integral: amorosa, creativa, profesional… tamén complexa e difícil, por suposto; é, sobre todo, unha relación entre iguais. María Casares escribiu sobre o seu amor con Camus que era este un lugar onde non se coñecían as vertixes do exilio. Unha boa maneira de achegarse á súa relación é a lectura da excelente correspondencia que intercambiaron entre xuño de 1944 e decembro de 1959, ata uns días antes do falecemento do escritor en accidente de automóbil, o 4 de xaneiro de 1960.

A fama de María Casares en Francia é indiscutible. En Galicia, foi nomeada filla predilecta da Coruña pero non é tan amplamente coñecida. Por que pensa que se dá esta situación e que fai falta para proxectar máis o nome da actriz?

O descoñecemento da figura e da obra de María Casares non é, por desgraza, unha excepción, senón un exemplo máis da situación padecida por moitas outras personalidades excepcionais do exilio republicano, e polo exilio republicano en xeral. Dignificar, estudar, divulgar e incorporar ao noso presente a historia do exilio é aínda hoxe unha materia pendente tanto en Galicia como en España en pleno século XXI.

María Casares ilustra á perfección a idea de todo o que se perdeu trala Guerra Civil. É imposible saber que percorrido tería de quedar aquí, porén, pensa que a escena teatral e audiovisual galega sería moi diferente hoxe de non ter triunfado o golpe do 36?

A sociedade galega sería por suposto diferente e, en consecuencia, tamén o serían as artes teatrais e audiovisuais. Non podemos saber se María Casares sería actriz se non se vise obrigada ao exilio, mais si sabemos que, como actriz, fixo vivir Galicia na creación artística francesa, e que nela deixou a súa traza oceánica e un vento de liberdade. Recuperalos con dignidade, respecto e agarimo só pode enriquecer a nosa creación contemporánea galega.

Artigos relacionados