‘Fariña’: a adaptación dunha adaptación

Fariña

Contámoslle a nosa vida aos demais. Contamos onde estivemos de viaxe, contamos historias da nosa infancia, contamos anécdotas do traballo, contamos problemas cos veciños ou contamos noites inesquecibles. Dedicamos gran parte da nosa comunicación a contar o que nos pasou, porque contar ordena a nosa existencia. A vida é un continuo ir cara adiante, unha sucesión de acontecementos encadeados que transcorren sen pausa dende que nacemos ata que deixamos de vivir. Contar o que nos pasou é coller un anaco desa existencia e darlle forma, orde e sentido.

E para contar seleccionamos as partes que nos parecen máis significativas, subliñamos aquilo que consideramos primordial e dámoslle o ton que expresa o noso punto de vista sobre o feito contado. Cada vez que contamos algo estamos facendo unha adaptación do que aconteceu na realidade.

En Galicia sucederon durante anos unha serie de feitos relacionados co contrabando e co narcotráfico. No libro Fariña, Nacho Carretero adaptou eses feitos, é dicir, dotounos de forma, orde e sentido, e máis tarde eu, o abaixo asinante, para facer a versión teatral do mesmo nome, adaptei a súa adaptación.

E se un espectador da versión teatral de Fariña, por esa necesidade que temos de contar, cóntalle o espectáculo a alguén que non o viu…?

Efectivamente, está adaptando a adaptación dunha adaptación.

Se ao final todos somos adaptadores.

Artigos relacionados