Meses antes da estrea de Fariña, o espectáculo teatral, o director da obra, Tito Asorey, propuxo acudir ao Centro Dramático Nacional en Madrid a ver a obra Shock (El Cóndor y El Puma). A función coincidía xusto cun partido do Dépor, así que houbo incendiado debate sobre o particular, pero finalmente cedemos. Alá fomos Tito, Xosé Luís Prieto -o dramaturgo encargado de adaptar o texto de Fariña-, Xosé Antonio Touriñán e mais eu. A obra encádrase no chamado teatro documental e relata o golpe de estado en Chile que levou ao poder a Pinochet e os fíos que por detrás moveu Estados Unidos na Operación Cóndor. A experiencia, a pesar de perderme o partido do Dépor, marcoume dun xeito profundo.
Non tanto polo contido da historia, que en gran parte xa coñecía, senón pola revelación do teatro como ferramenta documental, case xornalística. O meu coñecemento teatral é, confeso, demasiado escaso. E aínda menos familiarizado estaba co espazo no que xornalismo e escenario poden darse a man. Quedoume claro que o teatro podía ser un formato perfecto para facer chegar as historias aínda máis lonxe.
Tempo atrás Touriñán propuxérame adaptar Fariña ao teatro. A miña reposta foi entusiasta, pero descoñecía como poderiamos facer algo así. Ver Shock no Centro Dramático Nacional disipoume todas as dúbidas. Non só era posible, é que era necesario.
Puxemos o texto en mans de Xosé Luís Prieto e bastou a primeira lectura para entender o acerto. Fariña supón un capítulo da nosa historia, un anaco da realidade galega das últimas décadas. Cómpre, polo tanto, contalo. E de cantos máis xeitos, mellor.
O teatro revelouse para min como un formato idóneo. Unha mestura de xornalismo, documental, cultura e entretemento. Un xeito de facer chegar a nosa historia a moita máis xente. Neste caso, unha forma perfecta para derribar o tabú no narcotráfico e convertelo en cultura popular e folclore.
Fai tempo que o xornalismo sabe que ten que adaptarse. Explorar formatos, collerse da man con outros mundos e flexibilizar as súas formas ao máximo. Sen dúbida, o teatro é peza esencial neste proceso. Fariña, cremos, é un exemplo perfecto. Quen sabe, igual produce nalgún xornalista o mesmo efecto que, tempo atrás, me produciu a min Shock.