Filoctetes sube ás táboas

Outros

‘Nada se sabe’ invítanos a cuestionar os prexuízos e a abordar a diversidade desde novas perspectivas, reflexionando sobre o que significa realmente a inclusión.

O Centro Dramático Galego e Culturactiva levan ao Salón Teatro unha das primeiras producións do ano. ‘Nada se sabe’, dirixido por Ignacio García y Fran Rei, chegou a Santiago de Compostela o 16 de xaneiro e seguirá ata o 9 de febreiro. Máis de vinte funcións coa diversidade como tema central.

Trátase dun texto orixinal de Manuel Lourenzo, baseado na figura mitolóxica de Filoctetes. Este heroe grego é mordido nun pé por unha serpe na illa de Lemnos. Polo fedor da ferida e por estar fartos dos seus laídos os seus compañeiros deciden abandonalo, e dez anos despois, ao descubrir que a conquista de Troia dependía do seu arco, regresan para buscalo.

Rubén Bargiela Sierpes, Corina Alfonso Mañá, Elvis García Torres e Alba Chao García en ‘Nada se sabe’ – Foto: Rocío Cibes

A historia de Filoctetes é o punto de partida para explorar temas universais como a discriminación e a exclusión. A obra pon sobre a mesa unha reflexión poderosa: que sabemos realmente sobre as persoas con discapacidade? Que pensan, que senten, que desexan? A través dun elenco formado por Corina Alfonso Mañá, Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres, a proposta invita ao público a cuestionar as súas concepcións sobre a diversidade e a integración.

‘Nada se sabe’ rompe barreiras non só na temática, senón tamén na accesibilidade ao teatro. Nas funcións inclúense visitas táctiles previas ao espectáculo para persoas con discapacidade visual que permiten coñecer a escenografía e o vestiario, audiodescrición, e interpretación en lingua de signos. Ademais, facilítase transporte gratuíto desde máis de corenta concellos galegos como parte da estratexia do CDG para achegar a súa actividade a toda a cidadanía galega.

Artigos relacionados