Fóra do drama #1 · Lucía Veiga

Ao xeito do Cuestionario Proust, estreamos a nosa propia listaxe de preguntas para coñecer máis (e mellor) algunhas das persoas que fan parte da artes escénicas galegas. Estas oito máis unha preguntas son coma os nove círculos do Inferno de Dante e desta volta van para…

Lucía Veiga (A Coruña, 1974) fixo unha chea de cousas na vida: licenciouse en Filoloxía Hispánica, empregouse nunha tenda de móbiles, traballou en teatro, programas de televisión, series e gañou un Mestre Mateo e foi finalista nos Feroz polo seu papel en Rapa… e agora tocoulle responder o Fóra do drama

  1. A miña sobremesa favorita é… Pan con queixo e por veces,se lle cadra, unha lisca de marmelo. 
  2. A rutina que máis odio é… a da beleza: desmaquillar, tónicos, serums, cremas. Agh. Preguiza máxima. Así me vai tamén. A tope co resto das rutinas!
  3. Unha obra que me impactou foi… a reforma do portal de casa. E a primeira que vin de nena, un Xemelgos de Plauto, para abrir boca.
  4. O meu nome favorito é… o que se di con amor e os ollos brillantes. 
  5. A felicidade é para min… sentir que as cousas encaixan e teñen sentido, que están no seu lugar. Atopar o sitio, o con quen e o por que. Harmonía.
  6. Se non me dedicara a isto, sería… unha actriz frustrada disfrazada de civil, nalgún oficio no que puidera comunicar.
  7. Dos meus inimigos quero… coherencia e sinceridade. 
  8. Hoxe levo nos petos… plásticos e papeis que non quixen tirar ao chan, chaves e area de praia.
  9. Quero que reciba este cuestionario… Evaristo Calvo. 

Artigos relacionados