O auxe do turismo nos últimos tempos está provocando moitas reaccións en contra por parte da veciñanza de lugares completamente tomados polo turismo e, ao mesmo tempo, facer turismo semella ser uha das ocupacións preferidas de practicamente a totalidade das persoas. Go home explora con humor esas situacións nas que os nosos barrios, as nosas casas, son convertidas pouco a pouco nun parque de atraccións para os que veñen de fóra buscando escapar da rutina nun ciclo sen fin.
Viaxar ou ser turista. Esta é unha das falsas dicotomías que máis se empregan na actualidade. Acaso hai algunha diferenza entre elas máis alá de certo aire de superioridade moral ou de clase? O certo é que idiotas hainos en todas partes e quen non sabe comportarse na súa, dificilmente vaino facer na dos demais. O turismo masivo está facendo estragos nos tecidos sociais de vilas e cidades, particularmente dos centros históricos e das praias. O que semella bo para a economía non o é para a de todos, os veciños adoitan ter que soportar, ademais de outras incomodidades diarias, subas de prezos inasumibles cando non desprazamentos forzosos.
Pero… que buscamos cando nos movemos de sitio? Aventuras?, desconexión?, tranquilidade?, descubrir cousas novas? De todo un pouco, en moitos casos, pero tamén é certo que, como todo na vida, vai depender máis da túa actitude ante o que se che presenta.
Baixo este panorama, Go home propón un xogo macabro co cal expoñer esta realidade. Dirixida por Tito Asorey sobre un texto de José Prieto, este espectáculo xira ao redor de Carlos Barcia Rivas (David Amor), un apaixonado do turismo que chega en metade da noite a unha casa illada do Cebreiro. Carlos xa probou case todas as experiencias que se poden vivir nas viaxes, pero sempre busca algo máis. Desta volta, a experiencia promete poñelo ao límite e facelo vivir situacións nas que nunca tiña pensado verse envolto.
E é que Carlos vai virando da excitación á sorpresa, da sorpresa á incredulidade e da incredulidade ao medo. El é botado para adiante e entusiasta, pero o seu “anfitrión” parece querer conseguir baixo calquera prezo que a experiencia sexa terrorífica.
Sobre o escenario temos a habitación onde se desenvolve a trama, unha historia que manteñen David Amor e Josito Porto durante case 90 minutos valéndose en exclusiva da boa combinación que resulta das súas dotes cómicas. Os dous botan man da multitude de recursos expresivos e da vis cómica natural que posúen para manter unha trama —da que non contaremos moito máis para non desvelar nada— que serve de guía para provocar multitude de secuencias cómicas.
A parella formada por David e Josito funciona tan ben que semella que levaran anos actuando xuntos, igual estamos diante dunha nova dupla cómica de longo percorrido, quen sabe. Estamos máis afeitos a ver a David só sobre os escenarios, pero neste espectáculo a compenetración entre os dous xoga en favor sempre do texto, aportando cada un os recursos precisos para que a trama avance sen ter que desvelar antes de tempo os “trucos”.
Se ben a trama non é especialmente complexa, iso favorece que o espectador poida deixarse levar polo traballo actoral e por unha historia moi ben fiada, sen adornos innecesarios e cos ingredientes xustos para armar unha boa comedia coa que pasar unha tarde no teatro e, de paso, reflexionar sobre os excesos aos que o turismo de masas está chegando.
A escenografía, construída por José Faro, axuda a entrar no ambiente, por veces sinistro, da obra, complementada á perfeccción polo deseño de iluminación de Laura Iturralde. As luces e dous elementos de atrezzo son máis que suficiente para o desenvolvemento de Go home, cuxa trama ten varios puntos de xiro sen chegar a parecer un thriller, senón máis ben xogando co xénero de terror e a comedia negra.
Logo da súa estrea en Noia —lugar onde tiveron lugar os ensaios técnicos—, Go home pasou polo EMHU da Coruña e nesta segunda parte do ano xirará polas cidades e vilas galegas. Unha gran oportunidade para desfrutar cun espectáculo diferente, unha aposta arriscada cunha parella cómica inusual que resultou nun completo acerto.