“A falta de terra propia, acharía unha tan grande como o vasto mundo: o escenario, onde se pode inventar toda clase de vidas, e os mortos regresan para saudar”
María Casares
Neste 2022 no que se conmemora o centenario do nacemento da máis universal das nosas actrices, Continente María dialoga coa extraordinaria figura de María Casares. Personalidade imprescindible do teatro da segunda metade do século XX, Casares nunca volveu á terra que a viu nacer logo do exilio forzado polo Golpe de Estado do 36. Establecida en Francia, o seu talento e personalidade traspasaron fronteiras e deixou unha fonda pegada e un legado escénico extraordinario. Regresou agora a Galicia a través da súa patria, o teatro.
O espectáculo naceu dunha investigación constante sobre María Casares que Tito Asorey e Melania Cruz levaron a cabo durante anos. O director e a actriz galega uniron forzas coa dramaturga uruguaia Marianella Morena e o compositor e multinstrumentista bielorruso Vadim Yukhnevich para construír un espectáculo que busca achegar a María Casares desde unha perspectiva contemporánea e atractiva para o público.
Coproducida por Ainé, A Quinta do Cuadrante, o Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego, Continente María estreouse o 16 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e continuou en cartel ata finais de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Posteriormente, o espectáculo comezou unha xira por Galicia que aínda está en marcha.
O día da estrea, o Teatro Rosalía de Castro encheuse para recibir na cidade a unha das máis ilustres veciñas, que marchou para non volver, pero que sempre tivo a casa da Rúa Panaderas nos seus pensamentos e no seu corazón. O público reunido nun teatro cheo como nas grandes ocasións, puido por momentos ver de novo a María Casares na pel de Melania Cruz, quen transita pola vida, acentos e sentimentos da Casares como se fosen a súa propia casa. Unha interpretación magnífica e chea de matices que encheu de emoción as bancadas do Rosalía.
A música, elemento fundamental desta obra, logrou crear un espazo no que esa emoción e o dinamismo ían da man e convivían coa reflexión sobre o amor, o exilio, a guerra ou a identidade. Neste sentido, a presenza de Vadim Yukhnevich cobra un sentido moi especial, coa súa capacidade de evocar, a través da música, infinitas sensacións, creando un espazo no que María Casares se mostraba ante o público falándolles directamente á alma. Tanto é así, que as interpretacións de Melania e Vadim foron aplaudidas ata en dúas ocasións durante o espectáculo, finalizando cunha gran ovación final con todo o teatro posto en pé.