‘Non é unha canción’ ou os beneficios de perder o tempo

Outros

A compañía Souvenir, dirixida por María de las Llanderas e David Alonso, presenta este venres 26 de xaneiro no Teatro Rosalía un espectáculo que reflexiona arredor do turismo de masas e os efectos da intelixencia artificial nas nosas vidas. O seu xeito de traballar defende a improdutividade e o pracer da actuación por riba das lóxicas do mercado.

María de las Llanderas e David Alonso rebélanse contra a produtividade. Desde ese sentir contracorrente constrúen ‘Non é unha canción’, un espectáculo co que estrean a súa compañía teatral Souvenir e que van presentar este venres 26 de xaneiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A investigación, a experimentación e o xogo vertebran unha obra que reflexiona arredor do turismo de masas e dos efectos da intelixencia artificial sobre as nosas vidas. 

Baixo o marco dunhas vacacións en Málaga, os dous artistas conviven sobre as táboas cun terceiro personaxe invisible e condutor da acción. “Somos David e mais eu intentando facer un espectáculo que non coñecemos moito. Esta presenza que nos vai dicindo o que temos que facer remite un pouco aos algoritmos e a ese mundo tecnolóxico que guía as cousas que facemos. É unha sensación entre o sometimento, a pasividade e a frustración”, resume María sobre o carácter da obra. “Ao principio facemos unha lista de spoilers de todo o que vai pasando. Ten un punto un pouco metateatral”, engade. 

Na lista de referencias está o humor de Monty Python, os personaxes de Roy Andersson e os ambientes de David Lynch. “A atmosfera é como de pesadelo, como de saír ao escenario e esquecer o texto ou non ter o vestiario preparado. Somos dous seres que queren facer un espectáculo, pero hai algo que está na nosa contra e que non é moi amable”, explica David. 

Con todo, ‘Non é unha canción’ non é un espectáculo humorístico, aínda que o humor agrome ao longo da peza. David arguméntao así: “Non é unha comedia porque non usamos as regras da comedia, pero a nosa forma de estar en escena é despreocupada e iso crea comicidade”. “Non é de rir a gargalladas, senón de ter un sorriso cómplice”, completa María. Parte da culpa tena a posta en escena, que os dous creadores definen como “unha especie de Marina d’Or en decadencia onde hai dúas persoas que non sabes se van a unhas vacacións do Imserso ou a unha rave”. E elas dúas son as encargadas de levar adiante a peza a ollos do público.

Unha obra premiada

O texto foi premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o galardón supón a súa estrea no Teatro Rosalía. A compañía de María e David, que toma o seu nome dos estímulos que atopan na rúa como inspiración creativa e que chaman “souvenires”, participou no festival co espectáculo aínda sen definir por completo e coa dúbida de como sería recibido pola xente. 

Logo de seren recoñecidos co premio decidiron acabar de darlle forma á proposta e mesmo fixeron unhas poucas presentacións adaptando a idea nunha duración máis reducida. “O que nos gusta é a investigación en artes escénicas. O obxectivo non era facer unha obra comercial, senón que había unha vocación de compartir e crear unha linguaxe común”, sinala David. “Pasamos de ser dous frikis desfrutando na sala de ensaio a estar noutra fase”, di María, quen confesa que lles sorprendeu a reacción do público que viu a adaptación: “Cústalles entender o que están vendo, pero non poden deixar de mirar”.

Outro xeito de traballar

Fondo e forma da obra son consecuencia do xeito de traballar de Souvenir, xa que os seus dous responsables defenden o pracer da actuación por riba de lóxicas máis atentas ao mercado. Malia todas as dificultades constrúen desde unha ollada non sempre habitual: “Esta é unha profesión moi complexa e da que é moi difícil vivir. É fácil queimarse, traballar unha barbaridade e non chegar a fin de mes, pero desde o Día 1 fixemos unha especie de estatutos internos. O primeiro é, por riba de todo, pasalo ben”, conta ela. “Eu veño de varias experiencias onde existía unha ansiedade por producir cousas, pero iso destrúe compañías. Tes uns obxectivos ideais e cando non saen aparece a frustración. Así perdes a razón pola que todos empezamos a facer teatro, que é por desfrutar co teu compañeiro”, precisa el.

Obsesionarse co éxito ou coa necesidade de encher teatros non vai con María nin con David. A súa aposta é outra: ser improdutivo e inútil non ten nada de malo, máis ben todo o contrario. Por que? María déixao claro: “Cando as artes entran nesa obsesión pola produtividade hai algo que se perde. Isto vai de estar a gusto, perder o tempo e deixar voar a mente”.

Artigos relacionados