A produción, dirixida por Marta Pazos e coproducida co Centro Coreográfico Galego, conta a épica historia das 200 mulleres que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, transportando 245.000 metros cúbicos de terra e pedras en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas. Dique conta cun equipo artístico e técnico composto integramente por mulleres, coa coreografía de Belén Martí Lluch e a música de Clara Aguilar. A peza estrearase no Salón Teatro de Santiago de Compostela os días 21, 22 e 23 de xuño.
Dique é un espectáculo que pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. A proposta nace do desexo de recuperar unha historia esquecida: o labor das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol. Na súa execución, entre 1874 e 1879, 200 mulleres, as estibadoras, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.
Co gallo do aniversario dos 150 anos do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou a directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. A proposta resulta nun xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. Dique explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena.
Tradición e modernidade. Forza e resiliencia. Sindicalismo e empoderamento. Solidariedade e comunidade. Celebración e renacemento. Toda unha chea de emocións e sentimentos conflúen en Dique para narrar a historia daquelas estibadoras ou “cargadoras” silenciadas e crear un espazo de reflexión que, nun acto de xustiza poética, está artellado polo labor dun equipo composto integramente por mulleres nos eidos artístico e técnico.
Un equipo técnico e artístico composto por mulleres
Marta Pazos realiza con Dique a súa primeira colaboración coa compañía Nova Galega de Danza, considerada como unha das formacións máis singulares e innovadoras da nosa escena, mesturando a raíz co coa contemporaneidade en todas as súas montaxes. Directora artística, directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual, é unha das creadoras máis influentes da vangarda escénica española actual. A súa obra destaca pola súa dimensión plástica e a súa emancipación estética. Nas súas montaxes, a cor aparece de maneira radical para impactar na retina do público e transformar a súa percepción.
A carón de Marta Pazos, artífice da dirección de escena e da dramaturxia da peza, destaca, tamén, a figura da coreógrafa Belén Martí Lluch, unha das novas voces que pisan forte na escena actual española. Coreógrafa, entre moitos outros proxectos, da celebrada serie La Mesías, Martí Lluch é unha das fundadoras de Mucha Muchacha, colectivo que investiga o folclore para cuestionalo e facelo contemporáneo e que se interroga con perspectiva de xénero sobre a memoria e o corpo.
A compositora Clara Aguilar, considerada unha das figuras máis destacadas da escena musical contemporánea catalá, traballará xunto con Marta Pazos e Belén Martí Lluch nesta produción. Habitual do Sónar ou do Primavera Sound, este 2024 foi candidata ao Goya pola banda sonora de Creatura e mais foi galardoada con cadanseu Premio Gaudí no 2023 e no 2024 pola mellor banda sonora.
Estrea e próximas funcións
Dique é unha coprodución de Nova Galega de Danza e Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, que conta co patrocinio da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) como espectáculo inaugural do festival no 2024.
A pezas terá a súa estrea absoluta o próximo venres 21 de xuño no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde permanecerá en cartel ata o día 23. As entradas están xa á venda a través de Ataquilla. Dique tamén será a encargada de abrir a 40ª da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que terá lugar do 19 ao 27 de xullo.