O espectáculo da coreógrafa e bailarina Raquel Ferradás verá a luz o 26 de maio en Carnota. Esta peza para espazos non convencionais foi creada na primeira edición do programa Da Man, un proxecto de acompañamento artístico a emerxentes en danza de AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago que conta co apoio do Centro Coreográfico.
“Partín dun reto persoal e da necesidade de contar algo que igual con palabras non sei ou non era tan sinxelo. Sentín que era o momento e o lugar para encerrarme e crear. Foi un ano complicado, con moitos cambios e tiña a necesidade de meditar dende o movemento. Sempre foi a miña vía de escape”. Con estas palabras conta a viguesa o proceso de creación de ‘Mesura’, espectáculo unipersoal que poderemos ver o 26 de maio, ás 19.00 h, no marco do Festival Escora que impulsa a Deputación da Coruña en Carnota.
Raquel Ferradás é a primeira artista seleccionada no programa Da Man, un programa de acompañamento promovido por AMARELO distribución e Manu Lago en colaboración co Centro Coreográfico, que busca impulsar a novas artistas en danza, promover a creación de canteira, linguaxes propias e dinamizar o mercado local, nacional e internacional. A artista recoñece que o programa supuxo “unha axuda tanto persoal como profesional, outra perspectiva diferente ao que podía ver cos meus ollos”.
Raquel Ferradás afirma estar “feliz co resultado” desta peza que busca “transmitir é a ansiedade que produce esperar en calquer momento ou situación da vida”, no seu caso, a búsqueda da tranquilidade e paz mental dentro do caos.
Despois da estre en Carnota, ‘Mesura’ poderá verse o 29 de maio dentro do programa de Galicia Escena PRO.
De que trata ‘Mesura’?
A vida fala e estamos en constante cambio, na búsqueda do equilibrio, sen pasarnos de máis nin de menos.
‘Mesura’ báilalle á espera en diferentes momentos da vida. En xeral, á inquietude e preocupación que xenera.
Soster, refuxiarse no movemento, adaptarse ás transicións e avanzar.
Comenzar de cero é sobrevivir no presente. Non hai pasado no cero.
Hai que saber convivir coa espera para ver o mundo aos ollos.