O FIOT abre a convocatoria da X edición do Certame Micro-Escenas M2

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) abriu o prazo de inscrición para participar na décima edición do Certame Micro-Escenas M2, unha iniciativa pioneira en Galicia arredor do teatro de proximidade e os formatos escénicos non convencionais. As obras seleccionadas exhibiranse durante o festival, entre o 3 e o 31 de outubro.

O Certame Micro-Escenas M2, unha das liñas de programación máis recoñecibles do FIOT, celebra este ano o seu décimo aniversario reafirmando a súa aposta pola creación escénica de pequeno formato e pola experimentación en espazos afastados dos escenarios tradicionais.

A convocatoria, aberta ata o 21 de xuño, diríxese a compañías, creadoras e creadores interesados en presentar pezas de entre 10 e 20 minutos, pensadas especificamente para espazos non teatrais e cunha capacidade máxima de 25 espectadores por pase. O certame dá cabida a propostas de disciplinas diversas, desde o teatro físico á danza, a performance, o clown, a música ou a manipulación de obxectos.

As obras poderán ser de nova creación ou xa estreadas, aínda que o xurado valorará especialmente a adecuación ao espazo escollido, a autoría propia e a capacidade de interacción co contexto. O FIOT tamén sinala o seu interese por proxectos que incorporen usos innovadores da cultura dixital e da tecnoloxía.

Nesta edición, os espazos ofertados para as representacións inclúen localizacións tan diversas como unha xoiaría, unha zapatería, unha pastelería, unha tenda de informática, un comercio de segunda man, un cuarto de conserxes ou diferentes espazos ao aire libre. Lugares que se converten en escenografía natural das pezas e que constitúen unha das señas de identidade do certame.

O xurado seleccionará entre catro e seis propostas, cuxos nomes se darán a coñecer antes do 10 de agosto. As compañías escollidas recibirán unha compensación económica de 500 euros unha vez realizadas as representacións. Ademais, durante o festival, o público asistente poderá valorar os espectáculos mediante votación, optando estes aos premios de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, dotados con 150 euros cada un.

Desde a súa creación, Micro-Escenas M2 consolidouse como un espazo de apoio á creación emerxente e á procura de novas relacións entre escena, público e territorio. Ao longo das súas nove edicións anteriores recibiu 313 propostas, levando o teatro a lugares tan diversos como un lavadoiro municipal, unha barbería, unha perruquería, o despacho da alcaldía ou o Salón de Plenos do Concello de Carballo.

Con esta décima edición, o FIOT renova unha fórmula que converte a proximidade, a experimentación e a ocupación creativa dos espazos nunha experiencia escénica singular dentro do panorama galego.

Artigos relacionados