O novo espectáculo da compañía coruñesa, dirixido por Gustavo del Río, poderá verse este 16 e 17 de febreiro no Teatro Rosalía da Coruña.
A compañía Os Náufragos Teatro presentará o seu novo espectáculo ‘NOSO’ no Teatro Rosalía de Castro da Coruña este 16 e 17 de febreiro ás 20.30 horas. A obra, dirixida por Gustavo del Río, está ambientada nas mobilizacións do rural contra os parques eólicos e viaxa ao corazón dunha familia para explorar as relacións entre irmáns, os conflitos interxeracionais e a necesidade de reconciliación co pasado e o futuro.
Máis concretamente, a historia que presenta a compañía coruñesa desénvolvese nun vello ultramarinos e bar que foi o lugar de encontro da veciñanza dunha pequena aldea galega, lugar que se pon en valor na obra como un espazo de socialización e cohesión comunitaria.
Ese lugar vese afectado polo avance dun parque eólico e nese contexto ‘NOSO’ mergúllase nunha historia familiar que reflexiona sobre as consecuencias das decisións sobre as xeracións futuras. A peza é un dramedia familiar que contrapón a irrealidade das lembranzas do pasado cos conflitos do presente e co peso permanente dos lazos familiares.
Ademais da estrea na Coruña, ‘NOSO’ chegará ao Teatro Principal de Santiago o 23 de febreiro, á Sala Ártika de Vigo os días 22, 23 e 24 de marzo, e ao Auditorio Gustavo Freire de Lugo o 18 de abril.