O teatro en galego comezou a espertar no século XIX. Naquel momento de rexurdimento da creación literaria na nosa lingua destacou a poesía e florecían os primeiros textos xornalísticos, pero a literatura dramática tamén colleu pulo, recollendo a tradición das representacións costumistas alleas ás florecentes áreas urbanas.
O nome de Francisco María de la Iglesia pode que non lle soe moito a quen é alleo á historia da literatura galega. Hoxe é un nome bastante esquecido, pero fai 142 anos os xornais non paraban de falar —e falar ben— da súa primeira e única obra dramática.
Se camiñamos pola Rúa San Andrés da Coruña, chegamos a un punto no que se se bifurca no que se coñece co nome da Estreita de San Andrés, na actualidade podemos ver pequenos concertos no Universal ou tomar un gin tonic no Showroom, pero no tempo de de la Iglesia, alí podiamos atopar o Liceo Brigantino. O liceo atopábase antes na Franxa, e alí, no 1882, estreouse A fonte do xuramento, o primeiro texto teatral representado en galego.
Non é que sexa a primeira obra en galego, o mérito atribúeselle ao Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrito en 1671 por Feijoo de Araújo, pero si a primeira escrita e representada en galego. Con anterioridade, o teatro en galego era un teatro popular vecellado a pequenas celebracións locais, unhas representacións precursoras das que non temos máis coñecemento co que podemos rescatar de refencias en documentos da época.
A fonte do xuramento naceu xa con vontade de ser representada, con idea de fundar a literatura dramática galega, con intención de ser a primeira de moitas. A obra é por isto considerada por moitas autoras como o nacemento do teatro galego moderno. Estreada no Liceo Brigantino o 13 de agosto de 1882, as reaccións do público e da prensa foron do absoluto entusiasmo ao enfado pola “realidade” que mostraba a peza: unha sociedade desconfiada e brutal que chocaba co imaxinario do Rexurdimento.
Francisco María de la Iglesia baseouse no teatro popular costumista para elaborar unha trama ben simple que podemos resumir nos amores dunha moza cun rapaz doutra parroquia e as xenreiras que esta situación provoca. Romeo e Xulieta, pero con marcos polo medio.
Entre os que loubaron a representación hai constancia das cartas de Maximiliano Linares Rivas, político e tío do dramaturgo coruñés, Manuel Tamayo y Baus, secretario da Real Academia Española e o xornalista Manuel Portela. A obra representouse varias veces máis na cidade da Coruña, tentou representarse sen éxito na Arxentina e Ferrol e representouse finalmente en Vilagarcía no ano 1919.