Pista Catro traballa desde a súa constitución en 2006 para abrir novos camiños e novos públicos nas artes vivas galegas. Un total de 15 producións propias, máis de 40 artistas no seu catálogo de distribución e a organización de encontros formativos para procurar a innovación do sector, avalan á compañía de circo máis relevante de Galicia.
Falamos con Belém Brandido, unha das socias de Pista Catro, e José Expósito, o xerente, sobre a situación actual do circo en Galicia.
Definides Pista Catro como “factoría” en tanto sodes compañía, produtora e distribuidora. Cal é a vosa filosofía?
Belém: A nosa finalidade é vehicular e impulsar os artistas da contorna, tanto na distribución como apoiando as súas propias creacións, desde o asesoramento, a produción, a difusión ou o acompañamento artístico. Logo, tamén traemos moitas compañías de fóra de Galicia para xerar esa necesidade de públicos de circo. Queremos que o público se atope con outras formas de facer e tamén que a nosa familia circense teña esa posibilidade de encontro con compañías de fóra.
O circo é a ferramenta artística clave de Pista Catro, que hibrida con outras artes escénicas, e buscamos que se asente en Galicia coma noutros territorios. Para que isto pase hai que dar a posibilidade de que a formación sexa continuada, como é o caso da escola de Circonove ou a formación que facemos en encontros como D10!.
En Pista Catro traballamos tanto en salas como en rúa. Nas rúas precisamente foi onde empezou e se fortaleceu o circo. E queremos insistir en que o novo circo non só é para os máis pequenos, senón tamén para os adultos. Hai que quitar a idea de que o circo é só para nenos.
Como naceu a inquedanza dos membros de Pista Catro polas artes circenses?
José: Tivo unha parte moi xeracional. Había unha xeración de artistas que se desenvolveu ao abeiro dos centros sociais ocupados, onde había moito interese polos malabares e o clown. Tamén tivo importancia a aparición do Festiclown. A finais dos 90, estes artistas atópanse como estudantes en Compostela e forman ese novo circo. A Sala Nasa tamén é un punto fundamental para que no colectivo sintan que poden ser profesionais das artes escénicas. Moitos deles marchan para formarse polo mundo, como no Circus Space en Inglaterra ou no Circo Criollo en Arxentina. Entón, á súa volta, xa atopamos un grupo consolidado de profesionais que monta este proxecto.
Belém: Eu destacaría a importancia da Sala Nasa, onde facían festas do circo ao estilo dos cabarés que Pista Catro propón. Estas fóronse consolidando e convidando a artistas de fóra, e cando os fundadores regresan a Galicia deciden crear ese espazo de adestramento que supuxo (e segue sendo) Circonove e, máis tarde, a compañía.
E como foi a aparición de Pista Catro?
José: Ese ano 2006 coincide coa volta de maior parte do núcleo. A comezos dos 2000 xa se están producindo certos movementos como o Festival D’Gorra ou a creación da asociación. A partir de aí, ven que se precisa unha profesionalización e aparece Pista Catro.
Cal é o panorama do circo case vinte anos despois?
José: No ano 2006 produciuse un boom na cultura pero a partir da crise de 2008 houbo un recorte en cultura que afecta ao circo e a todas as artes escénicas. E os orzamentos aínda non se recuperaron. Un dos grandes obstáculos para a profesionalización é a falta de protección dos profesionais das artes escénicas. Algo polo que estamos loitando agora mesmo é para que o circo sexa considerado unha educación regulada. Todos os profesionais aprenden en escolas de asociacións ou nas tres escolas profesionais de España pero que non teñen titulación regulada: CAU en Granada, Rogelio Rivel en Barcelona e Carampa en Madrid.
O circo si atopa o seu lugar natural na rúa e na programación de verán porque moitos concellos e programadores queren ter espectáculos de circo para público familiar.
Como vedes a evolución do circo entre o público e os programadores en todos estes anos?
Belém: Vai pouco a pouco porque aínda está considerado unha arte menor. Con todo, o circo si atopa o seu lugar natural na rúa e na programación de verán porque moitos concellos e programadores queren ter espectáculos de circo para público familiar. A rúa, de feito, atrae moitos públicos. Quizais sexa a arte escénica que teña máis público en Galicia porque os transeúntes súmanse a velo pola súa espectacularidade. O circo ten a capacidade de sorprender o espectador. Pero nos teatros aínda custa bastante. Por suposto, hai programadores que si apostan polo circo, como o Concello de Santiago, pero queda moito por facer. Pasa o mesmo coa danza. Non sei que pasa, a verdade, quizais ven menos público potencial. Co circo tamén temos o problema de precisar un escenario adecuado e unhas dimensións determinadas. Por iso é importante de dotar de recursos os propios teatros.
Na gala dos María Casares 2023 reivindicáronse as artes vivas esquecidas como o circo. Fai falta educar e divulgar moito aínda para que o circo teña a consideración que merece?
José: A gala viña a reivindicar isto. Eu creo que hai grandes pasos e avances e hai que recoñecerlle ao sector teatral a súa xenerosidade e capacidade de adaptación para dar cabida ao circo. Pero o certo é que segue habendo unha periferia das artes escénicas como os monicreques e o circo. O circo sempre foi unha arte de variedades pero, máis ca nunca, o circo contemporáneo está explorando outras dramaturxias e está moi integrado coa danza e o teatro físico. Creo que este é o camiño.
Belém: A día de hoxe temos que insistir moito para que se inclúa a palabra circo ao lado do teatro e da danza, mesmo nos propios nomes dos festivais que si programan espectáculos circenses.
O circo contemporáneo está explorando outras dramaturxias e está moi integrado coa danza e o teatro físico.
Cara a onde temos que mirar en Galicia? Que se está facendo ben polo mundo?
Belém: A nivel estatal nós miramos moito a Cataluña, quizais pola proximidade que teñen con Francia, o país onde o circo é un referente. En Cataluña hai unha aposta moi importante por parte das institucións e na asociación de circo teñen 300 socios, un número bastante importante que xa indica como está alí a situación.
José: Galicia desaproveitou unha ocasión de ouro cando asistimos á ebulición do circo, ao contrario do que fixeron Andalucía ou Cataluña. Aquí non houbo esa visión para aproveitar a forza que en 2006 tiña o movemento circense e isto nótase na cantidade de profesionais e de producións.
Desde Pista Catro tamén organizades encontros para a formación sobre circo como D10!. Que obxectivos procurades?
Belém: Cando cumprimos dez anos, en lugar de facer unha festa, ideamos un encontro de formación e innovación en circo para fortalecer o colectivo. Queremos achegar a nova forma de facer circo.
José: O proxecto D10! nace coa idea de traballar a innovación no circo. Queremos que sexan formacións especiais. Este ano tivemos un laboratorio con La Granierie de Toulouse e queriamos responder se a creatividade do circo servía para traballar a innovación en empresas non escénicas. Pero, ademais da formación, tamén hai exhibición de espectáculos que non están nos circuítos convencionais.
Podemos dicir que é un dos sinais de identidade de Pista Catro é elevar o circo a outra categoría
José: Nós con igualarnos ao resto de artes escénicas estamos contentos. En Galicia levamos anos traballando para que haxa unha Lei de Artes Escénicas onde esteamos todos incluídos, onde o recoñecemento e protección institucional sexa un feito.
Paxaros no cabo é o voso último espectáculo, unha proposta onde as artes circenses conviven coa danza vertical, a música en directo e o audiovisual. Cal é a complexidade de facer algo así?
Belém: En realidade, a maioría dos artistas de circo tamén se forman en movemento, en teatro, en clown, moitos son bailaríns… entón, é bastante orgánico. Si que é certo que hai unha eiva, pois no circo achácase que son artistas máis febles a nivel interpretativo, pero o certo é que cada vez máis son artistas formados en diferentes artes.
Nos últimos anos apostades por espectáculos de gran formato nos que se asume certo risco, non?
Belém: Si, efectivamente. Os espectáculos de gran formato tamén son máis custosos polo que tes menos funcións porque moitos concellos non poden programalos. Pero sentimos a necesidade de traballar con grandes elencos e con propostas que integren disciplinas que precisan visibilidade, como a danza vertical. En Orquestra de Malabares traballamos coa complexidade de contar coas bandas locais dos territorios aos que imos. En Drop, aínda que é máis sinxelo para sala, traballamos con música en directo e con texto. É un risco porque é unha forma diferente de contar non apta para todos os públicos. O feito de apostar por espectáculos de gran formato é unha asunción de risco que cremos necesaria. Un risco que é preciso que se traslade ao outro lado e que os programadores contraten. Por que o teatro pode ser gran formato e o circo ten que contentarse con pequeno formato? Podemos facer pezas de gran calidade. Por exemplo, Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena, en coprodución co Centro Dramático Galego, permitiu chegar a novos públicos.
Orquestra de Malabares xa saíu fóra de Galicia e en outono viaxará a Colombia xunto con outras producións galegas convidadas ao Festival de Manizales. Cal credes que é o seu éxito?
Belém: É unha posta en valor da música e das bandas e orquestras de música. No espectáculo o humor é clave e engancha co público. Mais eu creo que é un éxito porque a singularidade do proxecto é traballar co territorio. Traballamos coa banda de cada lugar, cunha complexidade previa de produción. A día de hoxe levamos máis de 80 funcións e cunhas 70 bandas e orquestras diferentes. O proxecto dá moitas alegrías porque compartes sinerxías co colectivo do sitio a onde vas, non só é unha relación artística senón humana.
Temos unha serie de valores definidos: o sentido do humor, sentido de comunidade e colaboración para conseguir obxectivos.
E desde a espectacularidade do circo tamén se poden transmitir mensaxes. Cales vos gusta resaltar nas vosas pezas?
Belém: O humor é algo que está presente en todos os espectáculos de Pista Catro. Inténtase potenciar as disciplinas pero que non sexa gratuíto o feito de admirar a técnica. Nós queremos que o circo sexa a ferramenta para contar historias. En canto a temáticas, temos espectáculos moi diferentes sobre os valores do circo, da colaboración e da familia, a non aceptación do erro na sociedade e outros que son puro divertimento.
José: Eu creo que temos unha serie de valores definidos: o sentido do humor, sentido de comunidade e colaboración para conseguir obxectivos. Todo isto rota arredor dos espectáculos circenses, nos que tamén queremos falar de valores relacionados co xénero, o medio ambiente, as desigualdades… o circo contemporáneo tamén quere abordar os problemas da sociedade.
Desde o circo é máis complicado transmitir ideas ou, pola contra, ofrece maior liberdade de creación?
José: O circo abre portas e novas formas de movemento e de estar no escenario. Eu creo que o circo enriquece. De feito, temos colaborado con espectáculos puramente teatrais como os de Teatro do Morcego ou coa Orquestra Sinfónica de Santiago. Aínda que feble, temos unha demanda das outras artes escénicas para axudarlles a comunicar cousas que non se poderían comunicar desde elas. Por exemplo, estamos en colaboración coa danza e nos nosos espectáculos é moi habitual que haxa unha coreógrafa.
Cada ano realizades a Gala do Circo de Compostela Cultura, que terá lugar este domingo 16 de abril. Como é a experiencia ao longo deste tempo?
Santiago é un dos concellos que leva moitos anos apostando polo circo, por unha programación máis estable tanto en salas como en rúas. O Concello quere celebrar esta gala ao redor do Día Mundial do Circo e desde Pista Catro levamos uns sete anos na coordinación. Estamos encantados porque traballamos con moitos artistas, tanto locais como de fóra. Así, o público da cidade pode ter unha variedade de artistas e manter un factor sorpresa cada ano.
Podedes desvelar algo do que se vai atopar o público esta edición?
Antón Coucheiro volve ser o mestre de cerimonias e a estrutura é a de sempre, o que varían son os artistas. Por exemplo, este ano teremos unha artista colombiana que fai suspensión capilar, unha compañía de Baleares que fai acrobacias, artistas de aquí como Fredi co seu Circanelo… É unha gala familiar, áxil e chea de diversión.
En Galicia necesitamos unha lei de artes escénicas, que tamén sexa para o circo.
Finalmente, este sábado celébrase o Día Mundial do Circo. Cal é a vosa mensaxe a reivindicar neste día?
Belém: Que o circo se equipare ao resto das disciplinas escénicas e que teña maior presenza nas programacións culturais. A Administración ten que fortalecer os circuítos de circo e os espazos para que os espectáculos sexan representados.
José: En Galicia necesitamos unha lei de artes escénicas, que tamén sexa para o circo. Tamén que os orzamentos de cultura aumenten en todas as institucións en xeral. No conto Orixe certa do faro de Alexandría e outros contos hai un pallaso que remata no paro. Dinlle que o paro é un sándwich de mortadela pero que se nalgún momento fai rir a alguén lle van quitar a axuda. Entón, remata tolo entre a decisión de comer e facer rir a si mesmo. É unha arte que queremos moito pero tamén precisamos saír da precariedade e ter dignidade para vivir.