Poñer o foco na LGTBIfobia

Outros

Coa posta en escena do texto e dirección de Gustavo del Río e as interpretacións de Fernanda Barrio, Martín Máez e Rocío Salgado, Mosca sitúanos diante dunha tráxica viaxe pola LGBTIfobia nos centros educativos.

En xuño, coa chegada do mes do orgullo, preséntase a necesidade de comprender por que é necesario xerar referentes desde as artes escénicas que poidan axudar a ter unha mellor comprensión da diversidade da nosa sociedade co obxectivo de procurar unha maior equidade. Un feito fatídico acaba de ocorrer mentres escribo entre as butacas do Teatro Maestranza en Sevilla, con berros LGBTIfóbicos por unha escena onde se bican dous home. Na nosa sociedade atopamos que este tipo de condutas, derivadas da violencia e da consideración do binarismo como único xeito de coñecemento do mundo, provocan que as persoas LGTBIQ+ sufran en máis dun 50% acoso pola súa condición de persoa queer. Como afirma Paco Tomás “eles sabían que eu era maricón antes ca min mesmo”. Por que? Pois porque socialmente identificamos como débil e como violentable todo aquilo que non se axusta a unha norma social.

Platero y Gómez expresa: “Cos termos ‘acoso escolar homofóbico’ referímonos a aqueles comportamentos violentos polos que un alumno ou alumna se expón e/ou queda exposto repetidamente á exclusión, illamento, ameaza, insultos e agresións por parte dos seus iguais, da súa contorna máis próxima, nunha relación desigual de poder, onde os agresores se serven da homofobia, o sexismo e os valores asociados ao heterosexismo. A vítima será descualificada e deshumanizada e, en xeral, non poderá saír por si soa desta situación, na que se inclúe tanto a novos gais, lesbianas, transexuais e bisexuais, como a calquera persoa que sexa percibida ou representada fóra dos patróns de xénero máis normativos”. Aínda que pasados case 20 anos desde a súa escrita, isto preséntase como algo do cotián, algo que non se ten que falar.

A educación na diversidade é fundamental para poder eliminar esa invisibilidade dos colectivos minimizados, así como a extirpación do silencio e complicidade tanto dos poderes como da cidadanía. O único camiño que xorde como opción será a educación, desempedrando esas condutas enfermizas e violencias, tratando de desligar os comentarios discriminatorios pola identidade sexual dos individuos. A diversidade só pode amosarse expoñendo referentes, tanto para aqueles que se vexan reflectidos (axudando a que non se sintan fóra da sociedade) como para o resto de persoas, pois ver quen son fai que lles teñan menos medo e non arranquen con violencia cara ao vulnerable para sentirse en situación de superioridade. Procurar a desaparición daquilo que se sitúa na alteridade.

Isto así dito semella moi sinxelo, pero para poder aspirar a sandar esta sociedade deberiamos cuestionar os moldes que encadran os roles de xénero e que limitan o desenvolvemento integral do alumnado. Cómpre fuxir do concepto de “heterosexismo” onde a heterosexualidade é considerada máis desexable ca calquera outra opción sexual, fusionado coa estigmatización, denigración ou negación de calquera expresión non heterosexual, actitude que é empregada para xustificar o maltrato, discriminación ou o abuso de persoas que se atopan fóra desa heterosexualidade normalizada, condenadas a unha alteridade sobrevida pola súa propia condición natural.

Unha sociedade na que a diversidade non se fai visible como debería e na que os discursos de odio contra as persoas vulnerables seguen establecidos, non pode ser unha sociedade sa. De aí a necesidade das propostas escénicas onde, cunha ferramenta esencialmente baseada na empatía, se consegue situar ao espectador na pel das personaxes que están enriba das táboas.

O soño sería conseguir que nestas iconas de “nova normalidade” poidamos acordar como deconstruírnos, para poder conseguir esa sociedade máis sa, integradora e diversa. Unha sociedade baseada na equidade e onde a miña identidade non sexa cuestionada nin atacada. Unha sociedade na que Pedro, Lorena, Saray, Samuel e o resto de rapazada mencionada na obra de Artika cía sexan os últimos en sufriren esta violencia. Consigamos unha sociedade onde sempre soe “I am what I am” (eu son quen son) como cantaba Gloria Gaynor.

Artigos relacionados