O adianto do Barómetro da Cultura Galega publicado esta semana pon de manifesto a irrelevancia do sector das artes escénicas en Galicia. O documento de traballo recolle as opinións de profesionais da xestión cultural, coñecedores das iniciativas, proxectos e compañías, que aínda así sitúan o teatro galego por debaixo mesmo das institucións culturais -non digamos da música, o audiovisual ou a literatura-.
Pódense intuir as conclusións no caso de que a enquisa a respondera directamente o público. Se no sector non se fala de teatro, non digamos entre a cidadanía.
Que non existan estudos sobre a asistencia do público aos teatros, nin análises sobre como as estratexias de programación inflúen na creación de hábitos de consumo teatral, non fai doado que alguén decida tomar a iniciativa, e sen embargo o documento do Observatorio da Cultura Galega non pode máis claro.
Para a reflexión: o informe revela que os actores Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco co seu espectáculo Somos Criminais e punto final son o máis relevante das artes escénicas en Galicia no 2024, na mesma semana na que se coñecen as candidaturas finalistas dos Premios de Teatro María Casares. A obra, que ademais acumula máis de 25.000 espectadores na súa última xira -o máis visto o pasado ano-, non está entre os dezasete espectáculos que aspiran a algún premio.