A Coruña acollerá unha nova edición do Corufest, na que reivindicará “a identidade, a diversidade e a memoria” a través da arte e da cultura LGTBIQ+. Teatro, danza, performance e literatura completan unha programación con máis de quince actividades entre as que destacan o espectáculo Hablar no sirve. De nada., de Bop Pop, un encontro co activista palestino Murad Odeh ou a presentación do libro Vida y legado de Pedro Zerolo.
A programación de artes escénicas do festival, no que colabora o Concello da Coruña, comezará o 9 de maio na gala inaugural, no Centro Ágora, coa actuación da transformista, actriz e monologuista Muna Duval ou a música do dúo Abril. No acto outorgarase o recoñemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+ á Asociación ALAS Coruña.
Para as máis pequenas e pequenos programarase a peza caLORCAlor, de Guayomini Producciones, o 14 de maio no Teatro Colón, á que asistirán centros escolares da cidade, e ao día seguinte representarase no Ágora a obra Hermafroditas a caballo o la rebelión del deseo no Centro Ágora, do colectivo Que No Salga de Aquí.
Investigación escénica con Pablo Messiez
O actor, autor e director Pablo Messiez impartirá entre o 15 e o 17 de maio no Ágora o obradoiro de investigación escénica A mi manera no es como acostumbro, na que as e os participantes probarán exercicios “sobre a relación dos corpos no espazo, a partir da xestualidade das divas e a canción.”
O perfil en Instagram do Corufest recolle toda a información sobre o festival, que xa ten á venda as entradas para os espectáculos nos que é precisa entrada en Ataquilla.