Quincegotas: a auga non pode frear a enerxía da danza

Outros

O festival Quincegotas leva a danza contemporánea ao Castelo de Santo Antón da Coruña este domingo, 4 de xuño, coa actuación de sete compañías.

Chega a sexta edición de Quincegotas, o festival de danza na rúa da Coruña que saca dos teatros os mellores bailaríns e bailarinas do panorama nacional para achegalos ao público da cidade. A pedra e a herba do castelo de Santo Antón transformaranse neste día en escenario e platea para gozar dunha xornada chea de danza con Akira Yoshida, iXa, Álvaro Murillo, Maximiliano Sanford e Yeinner Chicas, Cia. Kiko López, Cave Canem e Nova Galega de Danza.

A previsión di que vai estar nubrado con posibilidade dalgunha chuvieira. Pero como defende o nome do festival, non hai auga capaz de frear o movemento nin a enerxía da danza. O acceso aos espectáculos será de balde ata completarse a capacidade prevista no patio interior do castelo. No evento deste primeiro domingo de xuño haberá dúas quendas, unha de mañá a partir das 12:30 horas, e outra de tarde a partir das 19:00 horas.

Na sesión da mañá, estréase por primeira vez en España a peza Oroimen, na que Akira Yoshida reflexiona sobre a memoria e o esquecemento a través da música e o movemento. Ademais, o público poderá descubrir Ollos cara adentro, de iXa, unha obra que explora as emocións e os sentimentos que xorden ao mirarse ao espello; e 8 km en mula, de Álvaro Murillo, unha historia dunha viaxe en mula polas montañas colombianas que combina danza, humor e narración oral.

Ollos cara adentro | Foto: Blanca Razquin

Xa pola tarde, chegan tres estreas en Galicia. Unha delas será a peza Vientre, de Maximiliano Sanford e Yeinner Chicas, que representa a relación entre dous homes nun espazo íntimo abordando o amor, o desexo e a violencia. Outra é a proposta da Cía. Kiko López, Honest, que crean un ambiente inquietante a través do texto, o son e a iluminación para tratar a verdade e a mentira na sociedade actual. Tamén se representa por primeira vez en Galicia No son ojos porque los ves, son ojos porque te miran, de Cave Canem, unha obra que xoga coas miradas e a vulnerabilidade de ser observado.

No son ojos porque los ves, son ojos porque te miran, de Cave Canem, estará por primeira vez en Galicia

O público tamén poderá descubrir, se non o fixo aínda, Leira, un espectáculo co que Nova Galega de Danza fusiona a danza tradicional galega coa contemporánea, rendendo homenaxe ás persoas que traballan a terra.

Podes consultar máis información sobre as compañías na web do festival Quincegotas e calquera nova no seu perfil de Instagram.

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.