Reflexións ao redor da divulgación teatral en redes

Outros

Hai pouco máis dun ano a compostelá Sara Incera atopou na rede un espazo desde o que contaxiar o seu entusiasmo pola creación escénica. Agora compaxina o seu traballo nos escenarios coa divulgación teatral desde o seu recuncho de internet.

O interese de Sara Incera pola faceta comunicativa é o nexo de todo -ou case todo- o que ten feito ao longo da súa vida. Sáelle só, transmitir ideas e sensacións xa sexa desde o escenario ou a través dunha pantalla. Sara é actriz con formación en teatro musical e, dende hai máis dun ano, tamén creadora de contido en saravaalteatro.

Achegar a creación escénica á mocidade sempre estivo nos seus plans. Mantén en mente a idea de logralo a través da posta en marcha dun proxecto teatral, mais polo de agora atopou nas redes sociais un espazo dende o que facelo. Durante a súa etapa formativa en Madrid entrou en contacto co traballo doutros profesionais, comezou a nutrirse e a absorber a ampla oferta cultural que lle ofrecía a cidade. Nese contexto comeza a transmitir as súas sensacións sobre as obras que ía vendo, así como tamén as da xente que a acompañaba baixo o seu “paréntese do colega”. Manténdose fiel á espontaneidade que a define, Sara quere agora comezar a crear contidos máis diversos e non limitarse a falar unicamente de produtos artísticos.  

A compostelá non dubida en subliñar a importancia do “boca a boca” na súa disciplina. A diferenza doutros sectores, ao redor das artes escénicas créase unha cantidade inmensa de recomendacións espontáneas. En moitas ocasións detrás deste comportamento hai un vínculo persoal, ademais de moito do que ela denomina “autoconsumo” entre os profesionais do gremio: “Esta xenerosidade que hai no sector tamén se contaxia á divulgación e á promoción”. Ela mesma se sinte identificada, dado que o seu labor en redes parte dunha motivación desinteresada no que ao económico se refire: “Hai outros sectores nos que está xa moi establecido o márketing de microinfluencers, pero polo de agora non é o caso das artes escénicas”, explica.

A pregunta neste punto da conversa está clara: realmente a xuventude ten interese por ir aos teatros? A das audiencias é, como intérprete e divulgadora, unha das áreas de pensamento máis recorrentes para ela. Sen dúbida, trátase dunha suma de factores e a súa sensación é que depende moito da persoa, da súa contorna familiar e educativa: “Hai parte de tópico pero hai moita mocidade que ve teatro, xente que está obviamente relacionada coa arte pero non só. Hai xente que non está moi vinculada ás artes pero que de pronto o integra na súa vida”. Neste senso, Sara fai fincapé na importancia como espectadora de ver propostas moi distintas para desenvolver o teu propio criterio, de probar ata dar “co teu”: “É como o típico que se di de que á xente non lle gusta ler. Non, á xente gústalle chegar a atopar un libro que lle enganche e que lle namore. Acontece o mesmo cos libros que co teatro”. Do mesmo xeito, afirma que a calidade é un factor chave á hora de crear ese interese, o reclamo do que estamos a falar: “Si algo é bo, faise eco. Cando algo conecta cunha realidade -a misión máxima do teatro- ao final a xente achégase, e por suposto tamén a xuventude”.

Máis aló de clixés e estereotipos, Sara cre que o tema está en facer do teatro algo máis coloquial, libre de tecnicismos. “É moi difícil atinar nas idades temperás e por iso moita xente medra con ese concepto do teatro como algo inaccesible. Porque non lle deu outra oportunidade máis alá da excursión á que foi co colexio”, explica. En relación a isto último, Sara conclúe: “Eu podo dar cincuenta mil datos científicos sobre a serotonina que vas xerar cando te rías a gargalladas cunha obra, pero realmente o que máis vale é o valor da experiencia. O feito de que ti vaias unha vez, che guste e queiras volver. Que lle digas ás túas amizades: que chulo isto que vin, vamos a velo xuntos”.

Ata o momento, o seu periplo en redes só lle trouxo alegrías. A maior de todas, conta, a boa acollida que está a recibir. A pesar de que a tentación de deixar de lado a súa faceta divulgativa sorpréndea de cando en vez, a artista compostelá confía en que manter esta canle de comunicación paga a pena. O que sen dúbida destaca da súa andaina como creadora de contido é a xente coa que entrou en contacto grazas a este proxecto, así como o descubrimento de toda unha comunidade de creadores que divulgan desde olladas diversas, dun xeito moi ameno e pedagóxico. Tamén destaca as aprendizaxes que lle brinda o coñecer de preto o diálogo entre as distintas esferas da creación teatral, a posibilidade de “verlle todas as caras”. Aínda que os algoritmos, o limitado alcance das publicacións e a escasa reciprocidade da creación en redes poida facer deste labor algo desalentador en ocasións, Sara fai fincapé na importancia de desapegarse do resultado: “Estamos moi obsesionados coas cantidades e non tanto coa calidade. Cando alguén me escribe e me di que lle encanta o que fago, iso é o que vale”. 

Artigos relacionados

O poder curandeiro da comedia

O teatro, en todas as súas formas e xéneros, é unha das expresións artísticas máis poderosas. A maxia que se produce sobre as táboas incluso pode mellorar a nosa saúda física e mental.