A compañía coruñesa Os Náufragos Teatro presentou a pasada fin de semana no Teatro Rosalía de Castro a súa nova produción, Riazor Ostia, unha proposta que transforma a memoria en escena e o escenario nun espazo de resistencia. O espectáculo, escrito e dirixido por Gustavo del Río, insírese na celebración dos 25 anos de traxectoria da compañía e reafirma a súa identidade como referente do teatro social galego.
Cincuenta anos despois do asasinato de Pier Paolo Pasolini na praia de Ostia, a peza establece unha ponte simbólica co asasinato de Samuel Luiz en Riazor en 2021. Dúas praias, dous contextos históricos distintos e un mesmo berro atravesado polo odio. Lonxe de procurar unha equiparación simplista, o espectáculo propón unha reflexión sobre os ecos do pasado no presente e sobre a normalización contemporánea de discursos de odio e violencias LGTBIQ+fóbicas.
A estrutura constrúese como un dispositivo de metateatro: Pasolini chega á Coruña para rodar a súa última película, titulada precisamente Riazor Ostia. Desde aí, o escenario convértese nun espazo onde memoria sensorial, entrevistas reais, recreacións ficcionadas e linguaxe cinematográfica dialogan de maneira constante. A proposta mantén así o selo da compañía, explorando a fronteira entre cine e teatro desde unha estética poética e simbólica.
O elenco, formado por Denis Gómez, Leonor Sangabriel, Santiago Cuquejo e Pablo Federico, sostén unha dramaturxia que coloca o público fronte a un espello incómodo. A peza aborda cuestións como a visibilidade LGTBIQ+, a xustiza, a educación, a relixión ou a política, articulando un discurso que entende a memoria como ferramenta crítica e colectiva. ‘A memoria de un é a memoria de todos‘ funciona como idea vertebradora dun espectáculo que transforma a cólera en pregunta e o silencio en acción.
No seu 25 aniversario, Os Náufragos Teatro dá un paso decidido cara a un teatro político explícito, retomando unha liña de creación comprometida coa diversidade e coa visibilización de identidades historicamente situadas nas marxes. Riazor Ostia consolídase así como unha proposta moi significativa nesta tempada, convertendo a escena nun territorio onde a memoria non é só lembranza, senón tamén futuro.
Tras a estrea na Coruña esta pasada fin de semana, a xira continuará o 5 de marzo no Auditorio Gustavo Freire de Lugo; o 13 de marzo no Auditorio de Bertamiráns (Ames); do 19 ao 22 de marzo na Sala Ártika de Vigo; e o 18 de abril no Auditorio Municipal de Vimianzo.


