San Simón acolle unha nova edición do encontro Paraíso

Outros

Do 20 ao 22 de setembro, terá lugar a oitava edición da convivencia anual das Residencias Paraíso para a danza e as artes vivas, na que participarán as e os artistas seleccionadas na convocatoria de 2024 desta iniciativa e numerosos profesionais das artes escénicas. O encontro permite desenvolver diferentes dinámicas de presentación e debate sobre os procesos artísticos, así como propoñer outras accións de carácter transversal, nunha convivencia de tres días con case corenta artistas e profesionais de distintas partes do mundo.

O Colectivo RPM organiza a súa cita anual das Residencias Paraíso —un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio—, na que participarán as e os artistas seleccionadas en 2024 na iniciativa, ademais de numerosas profesionais da danza e as artes escénicas convidada/os de dentro e fóra de Galicia.

Este Encontro Paraíso na Illa San Simón é unha convivencia de tres días que xera un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM e persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores nun espazo único: a Illa de San Simón. Esta contorna tan especial permite desenvolver durante toda a fin de semana diferentes dinámicas de presentación e debate sobre os procesos artísticos, así como propoñer outras acciones de carácter transversal.

No Encontro Paraíso na Illa de San Simón, que neste 2024 alcanza a súa oitava edición participarán os e as Artistas Paraíso 2024 —Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo—, xunto a case corenta profesionais das artes vivas e a xestión cultural de distintas partes do mundo. Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvéronse desde o pasado mes de abril no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia.

O encontro está pensado para compartir os procesos artísticos en residencia desenvolvidos durante este 2024 e, tamén, para xerar unha espazo de coñecemento conxunto. O programa deste Encontro Paraíso 2024 na Illa de San Simón pode consultarse na web do Colectivo RPM, organizador do encontro.

En paralelo, por segundo ano consecutivo, o Colectivo RPM amplía o seu Encontro Paraíso co desenvolvemento dunha residencia de investigación na propia Illa de San Simón nos días previos á convivencia. E faino en colaboración con Graner, o centro de creación de danza e artes vivas con quen, desde 2017, constrúe unha relación continua de colaboración entre Galicia e Cataluña.

As artistas que están a habitar a illa desde o pasado 11 de setembro e ata o vindeiro día 22 son Mar García & Javi Soler, que están somerxidas nun proceso de investigación entre o movemento e o son, en torno á representación e aos significados do bico escénico a través do imaxinario do Ius Osculi ou o “dereito a bico” da Antiga Roma. Parte deste proceso poderase ver no Encontro Paraíso 2024 esta fin de semana.

Artigos relacionados