Acaba un ano e comeza outro cheo de propósitos por cumprir. Aínda cos agasallos de Reis pendentes e a costa de xaneiro por chegar, recomendámosche a nosa particular lista de compras que non poden faltar neste inverno… ben sexa en forma de regalo para outras persoas ou para un mesmo!
Un libro: ‘As alumnas’ é a obra coa que Paula Carballeira gañou o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023. Esta historia de memoria e lembranzas xira arredor da figura de María Barbeito e xa ocupa un sitio especial nas nosas letras.
Unha experiencia: Calquera dos obradoiros ou cursos de Circonove para iniciarse ou especializarse no circo. Alén das súas formacións regulares tamén hai outras que organizan de cando en vez por xornadas.
Un disco: Sempre é un bo momento para deixarse levar pola proposta multidisciplinar de Mondra, que vén de estrear ARDĒN. Neste novo disco dá un paso adiante na súa carreira musical e chega acompañado de nomes como Berto ou Fillas de Cassandra.
Un ‘true-crime’ galego: O roubo do Códice Calixtino volve aos escenarios con novas datas de ‘Códice K’ na Coruña (19 de xaneiro) e en Santiago (9 de febreiro). Un espectáculo para non perder e descubrir os segredos dun dos casos máis rocambolescos da nosa historia.
Unha función na palma da man: As marionetas de dedos ou de mans son a compaña perfecta para pequenos e non tan pequenos. Quen se pode resistir a montar a súa propia obra desde o sofá? Modelos a escoller hai unha chea en tendas en liña como a de Abacus.
Unha escapada: A calquera outro lugar da península para gozar das artes escénicas. Por exemplo ás Naves del Español en Matadero (Madrid) para ver ‘Nuestros actos ocultos’, de Lautaro Perotti, entre o 16 de xaneiro e o 3 de febreiro.
Unha revista: Contámosche o que pasa nos escenarios galegos en taboas.gal e na nosa newsletter ‘Entre táboas’, pero no fondo somos uns amantes do papel… por iso tamén sacamos a revista en formato físico dúas veces ao ano. Se queres ter as nosas reportaxes nas túas mans, podes comprar algún exemplar a través da web!