‘Somos Criminais’, unha historia de éxito

Outros

O espectáculo protagonizado por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán afronta a recta final da xira da súa derradeira entrega, Somos Criminais e punto final, batendo novos récords cun proxecto que non deixa de acumular grandes datos de público. Superada amplamente a barreira dos 100.000 espectadores, os dous cómicos fan historia esgotando as entradas das oito funcións programadas no Teatro Colón da Coruña para despedir o ano.

Unha nave espacial, cous cómicos ao mando e unha misión: salvar todo aquilo que nos fai ser galegos. Baixo esta premisa, Somos Criminais e punto final volve encher os teatros galegos e continúa a boa xeira dun proxecto que, desde o seu inicio aló polo 2018, suma preto de 150.000 espectadores, cifras moi difíciles de repetir para un espectáculo en galego.

Baixo esta fórmula do éxito creada por Touriñán, Carlos Blanco, José L. Prieto, Tito Asorey e os equipos de Ainé e Condetrespés, o teatro galego acadou cotas de público dificilmente imaxinables tan só uns anos antes. Con esta nova entrega, os dous cómicos pretenden poñer fin a esta saga, aínda que Blanco recoñece que lle gustaría facer “como esas avoas que no Nadal din que vai ser o último e aguantan 15 máis”. Xunto con Touriñán, o arousán forma unha sociedade que parece non esgotar nunca a súa boa conexión co público. Adoitan encher todas as funcións que programan, pero o desta volta na Coruña non ten antecedentes: 8 cheos consecutivos, 6.776 persoas ateigando o Teatro Colón para despedir o ano desde as butacas.

A Coruña é unha cidade especial para Touriñán, non só por ser —case— veciño, senón que o público sempre responde tan ben que ata el mesmo se soprende. Touri recoñece que ver os teatros cheos impón, pero que fai moito máis fácil o traballo sobre as táboas que cando hai moi pouca xente. Para el, é como “xogar en Riazor co campo cheo, mete algo de medo, pero quen non vai querer saír e gañar?”.

Este final de 2024, teñen unha nova ocasión para desfrutar do ambiente do teatro coruñés, cheo por partida dobre durante catro días. A xira rematará en xaneiro, con catro funcións en Pontevedra e outras catro en Narón. E despois? Pois en principio, acabou a viaxe, pero todo pode ser e tal vez para 2025 esteamos asistindo a algún novo rexistro que aumente o tremendo éxito de Somos Criminais.

Artigos relacionados