A agrupación Muxicas, composta por persoas invidentes ou con discapacidade visual grave, naceu como obradoiro en 1998 e actualmente é un referente consolidado no teatro feito por afeccionados en Galicia.
Con máis de 25 anos de traxectoria, a agrupación Muxicas, que naceu como obradoiro de teatro no ano 1998 da man de Sabela Gago, é un referente consolidado no teatro feito por afeccionados en Galicia. Teatro Muxicas é un espazo de creación composto por persoas invidentes ou con discapacidade visual grave, que a través do teatro obteñen unha maior conciencia do eu, do xeito de relacionare co mundo e da identidade propia. Pero é moito máis.
Ao longo destes anos, foron medrando ata convertirse nunha agrupación de pleno baixo a dirección de Tito Asorey, con quen comezaron a producir un espectáculo anual no que a calidade artística é indiscutible e na que contan coa participación de destacados profesionais das artes escénicas galegas. As obras de Muxicas teñen sempre unha xira, xa que o obxectivo é poder levar a escena as obras e compartilas co público. O seu repertorio adoita ser de teatro independente, crítico, social e coa comedia moi presente, “é a súa forma de contar como ven a vida, teñen moito sentimento de grupo, é o que fai que se sintan actores” apunta Asorey. Así, puxeron en marchas obras de Gogol, Brecht, Kesselring, Dürrenmatt, Chekhov ou Arrabal. É teatro pensado para todo o mundo feito con persoas con discapacidade, “non é teatro inclusivo, senón integrado” en palabras de Asorey. Tamén son espectáculos con moitos actores en escena, algo que non é habitual no teatro galego e que dende o teatro amador proporciona novas visións para creadores e público. No ano 2023, o seu espectáculo Ubú Rei participou na Bienal de Teatro de Valencia, ao igual que outros cinco dos seus espectáculos, sendo case un fixo da súa programación.
A capacidade de reinventarse é algo inherente ao grupo, o que os levou durante o confinamento á creación de Si Talía fuera ciega, unha dramaturxia construída desde as súas casas, a través de videoconferencias que se levou ás pantallas ante a imposibilidade de representala naquel momento.
Neste curso, Sara Rey colle o relevo na dirección de Teatro Muxicas para afrontar unha nova montaxe. O espectáculo elixido é o Miles Gloriosus (O soldado fanfarrón), de Plauto. Un texto de teatro clásico co que a directora quere afondar na comedia latina, na traxedia grega e nas súas formas e arquetipos. “É un laboratorio de ideas, ideal para poder facer obras cun enfoque diverso”, afirma Sara, que busca seguir traballando o espazo e o movemento cun grupo que ten moitas ganas e talento e co que se poden facer espectáculos grandes, divertidos e que serven para conectar ás actrices e actores co público.
“Muxicas é moi importante para todas as persoas que conforman o grupo, tamén para nós”. O teatro é ferramenta de cambio social, pero tamén de cambio persoal. A historia de Muxicas non fai máis que reafirmar esta premisa.